Bueu inicia o proxecto para a construción dun pavillón de deportes en Cela
Por Redacción
Bueu conta nestes momentos con dous pavillóns: o de Pablo Herbello, sito no centro urbano, e o de Laxes, na parroquia de Beluso. Pero a idea do goberno local é que pronto se poida contar cunha instalación de semellantes características na parroquia de Cela, o que permitirá dar cabida a todos os clubes deportivos que nestes momentos reclaman máis dispoñibilidade de horarios.
O Concello buscará o apoio da Consellería de Educación para acometer a conversión da pista polideportiva exterior que se atopa nas inmediacións do CEIP A Torre de Cela, e que pertence a este centro, para así transformala no pavillón polideportivo desta parroquia. Este terá como primeiros beneficiarios aos escolares, aínda que o Concello pretende que se empregue pola cidadanía en xeral.
Esta idea xorde tras a necesidade trasladada á alcaldía por parte dos diversos clubes e asociacións deportivas, e despois de ser debatida cos representantes da ANPA do CEIP A Torre de Cela, que mostraron tamén a súa conformidade.
Os servizos técnicos municipais xa se están encargando dende agora dos traballos de estudo de campo para determinar se a superficie total (aproximadamente 2.300 metros cadrados) pode ser empregada na súa totalidade, e para o que despois buscará o cofinanciamento e apoio da Xunta de Galicia.
Así o destacou o alcalde de Bueu, Félix Juncal, quen acudiu este martes a este espazo xunto ao concelleiro de Urbanismo, Martín Villanueva e o arquitecto municipal para ver as posibilidades de actuación no mesmo.