Miguel Fernández Lores: "Gobernar consiste en poñerse de parte da xente e iso facémolo en Pontevedra"
Por Alejandro Espiño
Foi a mensaxe de optimismo que trasladou o alcalde de Pontevedra durante o acto político que, baixo o nome Galiza, contra un sistema cruel e corrupto, organizou o grupo municipal do BNG no Teatro Principal para analizar a situación económica do país. "En Pontevedra por agora resistimos, porque somos antisistema", dixo Miguel Fernández Lores ante unha audiencia entregada, entre os que se atopaba o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez.
"Dentro do escaso marxe que temos no noso Concello para xestionar o que nos permite o sistema, estamos dando boas leccións de como a política pode ser outra cousa", afirmó Fernández Lores. "Damos exemplos de bo goberno, de sentidiño, de mirar polo de todos, de non despilfarrar, de respectar e impulsar o ben común, de mirar para as persoas e non facer caso das grandes empresas que che veñen con contos e peloteos".
Pero foi o único aspecto positivo dun discurso no que Miguel Fernández Lores, igual que antes Luís Bará e Carme da Silva, insistiu en que a crise actual débese a que "estamos, vivimos, soportamos un sistema profundamente inxusto e corrupto, e non é pola maldade das persoas que o forman e gobernan, que golfos tamén hai e en abundancia, senón porque o propio sistema foi deseñado deste xeito".
Un sistema "podre", segundo o BNG, desde que "a Constitución Española cociñada na Transición, aceptou todos os postulados do franquismo". Despois viñeron un Estatuto de Autonomía, cualificado por Lores como un "enxendro de curtas miras", a entrada na OTAN e o tratado de adhesión á Unión Europea, tralo cal "quedou selado e asinado que Galicia ía a sufrir a desaparición do seu sector agrícola, pesqueiro, naval ou financieiro".
E non esqueceu o alcalde de Pontevedra facer un repaso aos casos de corrupción en todos os ámbitos da vida pública: Urdangarín, Bárcenas, o suposto financiamento ilegal do PP, Díaz Ferrán, a trama Gürtel, o doping no deporte, as irregularidades no poder xudicial, as indemnizacións dos directivos das caixas ou casos máis recentes como a operación Campeón ou a Pokemon.
"Semella que en cada ámbito de poder, en canto desaparece a inmunidade, en canto se airea e se investiga, a corrupción aflora como fungos", denunciou Fernández Lores, quen en todo caso insistiu que o problema "non é de persoas individuais, o problema é que o propio sistema é cruel, inxusto e corrupto en si mesmo; e canto mais arriba, máis podre, moito máis podre".
"O propio sistema é cruel, inxusto e corrupto en si mesmo; e canto máis arriba, máis podre, moito máis podre", dixo Fernández Lores
Fronte a isto, o alcalde reiterou que en Pontevedra, "nunca quitamos unha multa, nunca enchufamos a unha persoa, nunca terxiversamos un contrato. Inclusive tivemos problemas con algún simpatizante por non acceder a darlle un pequeno trato de favor". E enfatizou aínda máis, asegurando que "non hai trato de favor para ninguén, somos raros, raros para moitas cousas, para eliminar favores e privilexios tamén".
"Non pode haber algo máis corrupto, cruel, inxusto e insolidario que planificar e executar sistematicamente unha política de espolio dos sectores traballadores e públicos, tanto directamente como polos recortes sociais, para facer mais ricos aos que xa o son", subliñou o alcalde. "Non pode haber nada máis corrupto, cruel, inxusto e insolidario que mandar ao paro, a indixencia, a pobreza, a unha grande parte da poboación".
De aí que Fernádez Lores concluíse afirmando que hai dúas posibilidades: "aceptar o sistema tal e como está e deixar que Galicia siga desangrándose", ou a opción que destacou como a que debe asumir a cidadanía "rebelarse contra este sistema cruel, corrupto, inxusto, rebelarse ata facelo caer, ata tronzalo, e recuperar a capacidade de decisión sobre os nosos recursos naturais, económicos, produtivos e financieiros".