Yes, we can! Depende de ti...
Por Alejandro Espiño
Yes, we can!, o lema que levou a Barack Obama á Casa Branca é tamén o elixido para a nova campaña de sensibilización animal que pon en marcha o Concello de Pontevedra, en colaboración coas tres protectoras que traballan na cidade, Os Palleiros, Adopciones Galicia e Difusión Felina. Con ela preténdese concienciar aos pontevedreses para que se reduzan os abandonos e aumenten as adopcións de animais sen dono.
Neste sentido, Os Palleiros desvelou que, só no último semestre de 2012, recolleron 180 cans abandonados, dos que apenas un 10 por cento estaban identificados, o que dificulta atopar ao seu dono. E explicaron que aínda que as adopcións son bastante numerosas "os abandonos seguen sendo máis". Por iso é polo que recoñezan que ás veces se vexan desbordados polo gran número de animais que recollen.
Un caso similar ao das outras dúas asociacións, Adopciones Galicia e Difusión Felina, que fixeron un chamamento á importancia das adopcións para reducir o número de animais abandonados. "Necesitamos casas de acogida", explicaron estes colectivos. "Lugares donde llevar a los perros o gatos que encontramos hasta que alguien los adopte". A manutención corre a cargo das asociacións e "sólo tienen que sacarlos a pasear".
Ademais, para completar as actividades desta iniciativa organizarase unha xornada de adestramento para animais, protagonizada por cans que foron recollidos da rúa, e un Día de Adopción, onde as tres asociacións animarán á cidadanía "especialmente aos máis novos", dixo Filgueira, a que adopten un can ou un gato e conciencialos "para que os abandonos non se produzan".
Dentro desta campaña o Concello de Pontevedra aproveitou tamén para publicar un bando no que se recolle toda a lexislación relativa aos animais. Entre outras cuestións, o concelleiro de Sanidade Animal recordou que está prohibido abandonar, maltratar ou agredir aos animais, utilizar os parques infantís para que evacúen as súas necesidades (e en todo caso é obligatorio recoller os excrementos), ou darlles para comer na rúa deixando restos de comida.
Pero Miguel Filgueira quixo destacar, sobre todo, a obrigación de identificar aos cans mediante un chip. Recoñeceu que "hai moi poucos cans sen chip na cidade", pero asegurou que "cremos que hai moito que avanzar non rural", onde non están, dixo, afeitos a realizar este trámite. En todo caso, recordou que deben identificarse nos primeiros tres meses de vida ou, en todo caso, un mes despois da súa adquisición ou adopción.
As sancións para os que incumplan esta normativa oscilan entre os 300 e os 3.000 euros.