640 persoas retiran máis de 12 toneladas de residuos nunha limpeza simultánea de ríos
Por Oskar Viéitez
Foron novamente moitas as persoas que se mollaron polos ríos na IX Limpeza simultánea. Houbo grupos grandes e pequenos, de nenos e de maiores. Limpáronse grandes ríos e tamén pequenos regatos, pero todos tiñan o mesmo obxectivo: coidar os nosos ríos e concienciar á sociedade da necesidade de que estean ben conservados.
Recolléronse refugallos de todo tipo, e coma sempre abundaron os plásticos (botellas, garrafas, bolsas, sacos...). Apareceron tamén rodas de automóbiles, cristais, colchóns, radiocasetes, restos de coches, pilas, electrodomésticos ou extintores. As toalliñas húmidas foron do lixo máis abundante. Apareceu tamén algunha uralita, roupa, calzado...
Calculan os organizadores de Adega que os residuos de tódolos concellos suman máis de 12 toneladas, pero lembran que o seu principal obxectivo non era este. O voluntariado ambiental non é man de obra barata que poida suplir o traballo da administración, son, por outra banda, unha masa de xente que axuda a concienciar á sociedade. O voluntariado denuncia que a situación dos nosos ríos debe mudar e para iso fan actividades como esta.
A IX Limpeza Simultánea "Móllate polos ríos" se celebrou este ano en 44 concellos de toda Galicia e participaron un total de 56 entidades (asociacións, colectivos ecoloxistas, delegacións de ADEGA, centros de ensino…) e tamén 5 concellos que organizan directamente esta actividade.
Na nosa comarca participaron en Barro, seis persoas de A Barosa que recolleron 30 quilos de lixo; en Caldas de Reis, 15 voluntarios convocados polos Independentes de Caldas recolleron 200 kilos. En Cuntis, unha ducia de membros da Asociación Cultural "O Fervedoiro" limpou o río Gallo recollendo 150 quilos de refugallos, en Marín actuaron no río Loira 25 persoas do Grupo Cultural Ronsel que recolleron 150 quilos, en Meis, 15 persoas pertencentes ao colexio CPI Mosteiro-Meis acudiron ao Rego de San Tomé retirando 150 quilos.
En Poio a Plataforma Veciñal Samieira adiou esta xornada de limpeza para o día 9, en Ribadumia, 13 persoas do Colectivo Ecoloxista do Salnés retiraron 550 quilos de lixo e en Pontevedra, 16 persoas de Vaipolorío, da Fundación Juan XXIII e da APDR limparon do Gafos uns 300 quilos de refugallos.
Relacionadas:
-
Mozos de Marrocos e Armenia fan voluntariado ambiental no río Gafos
Por Redacción |
-
Veciñanza de Cuntis urxe a limpeza do río Gallo
Por Redacción |
-
A flota pesqueira de Marín retira 6.000 quilos de residuos das costas galegas
Por Redacción |
-
Vaipolorío denuncia a Unión Fenosa por unha talla indiscriminada no río Gafos
Por Oskar Viéitez |
-
Nova xornada de limpeza simultánea de ríos en toda Galicia
Por Redacción |