O parque de Valdecorvos recupera o seu bo aspecto
Por Redacción
Era unha das demandas máis reiteradas polos veciños da zona e, por fin, se atendeu por parte do goberno municipal. O parque de Valdecorvos está a ser obxecto dunha profunda posta a punto para que este espazo de esparexemento recupere o seu bo aspecto.
Os traballos, coordinados polo departamento de Medio Ambiente Natural, están encamiñados á roza, limpeza e coidado xeral do parque para que se poida recuperar para o uso da veciñanza deste espazo público situado nunha das zonas de expansión da cidade.
Así, a actuación comezou esta semana coa roza mecánica da senda do río. A día de hoxe a roza segue adiante ao detalle e de xeito manual na beira do río coa fin de retirar plantas exóticas ou invasoras como mimosas ou acacias.
Segundo explican dende Medio Ambiente Natural, os traballos seguirán coa limpeza dos noiros nos que tamén hai vexetación a esgalla e co coidado da pasarela -xa limpa- cun tratamento protector.
A actuación rematará co arranxo do firme do camiño, moi deteriorado e con fochancas causadas pola acción das chuvias e a falta de mantemento.
Os traballos rematarán, segundo os cálculos feitos no departamento de Medio Ambiente Natural, nunha semana.
Trátase dunha actuación comprometida polos concelleiros Luís Bará e Alberto Oubiña na xuntanza mantida cos veciños do Castañal e Valdecorvos no pasado agosto para avaliar as melloras que se estaban a facer no barrio, presentar novas actuacións e recoller suxestións.