Novo intento do BNG para que Fomento cree unha vía verde entre Pontevedra e Arcade
Por Redacción
Dous anos despois, o BNG volve tentalo. Os nacionalistas presentarán unha moción ao próximo pleno da corporación municipal na que instan o Ministerio de Fomento a iniciar os trámites para converter a antiga vía férrea entre Pontevedra e Arcade, actualmente en desuso, nunha vía verde de tránsito peonil e ciclista.
Así o anunciou o edil Luís Bará que, acompañado dos portavoces do BNG en Soutomaior e Vilaboa, Manuel Lorenzo e Ornela Fernández respectivamente, presentou esta iniciativa na illa de Medal (Ponte Sampaio).
Nesta moción, o BNG lembra que, a pesar de contar entón co apoio de numerosos colectivos sociais, Fomento "non mostrou ningunha receptividade nin deu ningún paso adiante" para que se poida habilitar esta vía verde.
Os nacionalistas reiteran que así podería aproveitar un itinerario duns dez quilómetros para mellorar a mobilidade peonil e ciclista entre Arcade e Pontevedra de forma "segura e sustentable".
Esta transformación tería un custo "non moi elevado" e un impacto "moi positivo" para a mobilidade e para a promoción turística da comarca, pola beleza e interese dos espazos culturais e naturais que atravesa como o ENIL dos Gafos, as Salinas de Vilaboa, a illa de Medal, a ponte medieval de Ponte Sampaio ou o Camiño Portugués a Santiago.
Concretamente, o tramo entre Arcade e Figueirido comeza a presentar, denunciou Bará, un estado de abandono e nalgúns puntos está a ser xa invadido pola maleza. Sería un trazado "fácil de recuperar" xa que discorre completamente separado do novo trazado do AVE.
No caso do tramo entre Figueirido e Pontevedra caben dúas opcións, transformar en vía verde a antiga vía férrea, ou aproveitar as vías de servizo paralelas ao trazado actual.
Relacionadas:
-
Pontevedra reclama de forma unánime a transferencia da AP-9 a Galicia
Por Alejandro Espiño |
-
Os populares propoñen crear unha vía verde que permita unir o campus coas estacións de tren e autobús
Por Redacción |
-
Reclaman con marchas a pé e en bicicleta unha Vía Verde entre Pontevedra e Redondela
Por Redacción |
-
Os veciños marchan polo antigo trazado ferroviario para reclamar a Vía Verde
Por Redacción |