A comunidade educativa de Pontevedra únese para reclamar un ensino público de calidade
"Conseguimos o que nos propoñíamos", explica Alberto Pita, presidente de Fanpa-Pontevedra. "Que toda a comunidade educativa de Pontevedra reivindique claramente un ensino público de calidade". Ese era o obxectivo da primeira Festa do Ensino que se organiza no Concello de Pontevedra. A el estaban chamados mestres, pais, titores, alumnos e todos aqueles "que defendan un dereito de todos, a educación".
Centos de persoas gozaron dunha xornada lúdico-reivindicativa que se celebrou no Mirador de Monte Porreiro. Desde primeira hora da tarde, a comunidade educativa de Pontevedra participou nas actividades programadas neste evento, organizado pola Federación Provincial de Asociacións de Nais e Pais de Pontevedra.
Tras unha primeira concentración no Mirador de Monte Porreiro, os participantes nesta festa popular realizaron unha marcha que pasou pola UNED, o IES Luís Seoane, a Escola Infantil, o CEIP Fina Casalderrey, o CEIP Marcos da Portela e regresou ao Mirador. Un percorrido que cada un fixo como quixo, en bicicleta, a pé, patines, patinetes... "A idea era facernos ver, que non nos quedemos calados", explican desde Fanpa-Pontevedra.
Todos estes colexios que foron visitando protagonizaron unha xornada de portas abertas, para que todo aquel que quixo puidese comprobar os traballos realizados polos escolares e as condicións nas que estudan nestes centros. Segundo Alberto Pita, "queriamos espertar en todos o sentimento de defensa da educación pública", xa que "ata agora cada colectivo manifestábase polo seu lado e xa é hora de facernos ver todos xuntos".
Esta Festa do Ensino incluíu tamén actividades máis lúdicas como unha chocolatada popular, a instalación de xogos populares, inchables e varios grupos de música, All Less One, Valquiria e Vortex, que fixeron as delicias de nenos e maiores.