O Adif desafecta a vella liña do tren entre Vilagarcía e Caldas
Por Redacción
A delegada de Patrimonio e Urbanismo de ADIF na zona noroeste, Celina Matías, comunicou este venres ao alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, que o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias acaba de acordar a desafectación da vella liña do ferrocarril entre Vilagarcía e Caldas de Reis.
O acordo oficial chegará nos vindeiros días por correo, pero Matías quixo adiantar por teléfono unha noticia que non por esperada é menos celebrada polo goberno local, xa que significa un paso moi importante para que o proxecto de converter ese trazado na primeira Vía Verde de Galicia sexa pronto unha realidade.
Alberto Varela tiña previsto poñerse en contacto cos rexedores dos outros dous concellos para avanzar na redacción do proxecto e noutros aspectos paralelos pero non menos importantes, como a articulación xurídica do mesmo ou a financiación, na que haberá aportacións municipais en proporcións a determinar e tamén, moi probablemente, axudas doutras administracións, dentro das cales deberá xogar un papel fundamental a Deputación provincial.
"É unha noticia excelente", dixo Alberto Varela, "posto que se suma ao informe tamén favorable emitido en xuño polo Ministerio de Fomento. Sempre cremos neste proxecto como unha aposta pola diferenza na oferta turística, por outro modelo baseado na natureza e no patrimonio histórico. Hai quen non o ve, pero cando tanto Fomento coma Adif están de acordo e o ven viable é que tan mala idea non debe ser, e máis cando se trata dunha oferta que conta cunha gran aceptación tanto en España coma en Europa", argumenta o alcalde vilagarcián.
2.500 QUILÓMETROS EN ESPAÑA, NINGÚN EN GALICIA
O alcalde está convencido de que a Vía Verde, que parte dun xardín de excelencia internacional e conclúe nunhas termas históricas a través dunha das primeiras vías férreas do país, salvando o río por unha ponte de ferro, será un revulsivo económico e promocional para os tres concellos afectados.
De aí que, unha vez obtidos os acordos de Fomento e de Adif, queira comezar a traballar xa na redacción e execución do proxecto definitivo. Este deberá ser presentado diante da Fundación de Ferrocarriles Españoles ao fin de lograr a cualificación de "Vía Verde", marca da que é propietaria a FFE, e que supón cumprir cuns altos estándares de calidade.
En España hai na actualidade 2.500 quilómetros de Vía Verde, orixinariamente vías do ferrocarril. Curiosamente, desde 2.500 quilómetros nin un so está en Galicia. Os apenas 12 que ocupan o trazado entre Vilagarcía e Caldas serían, pois, os primeiros da comunidade.
Relacionadas:
-
As máquinas empezan a traballar no medio dun novo capítulo do "culebrón da Vía Verde do Salnés", que xa dura dous anos
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Reclaman vías verdes a golpes… de pedal
Por Redacción |
-
Os técnicos empezan a traballar no proxecto da Vía Verde Vilagarcía-Caldas-Portas
Por Redacción |
-
Os populares propoñen crear unha vía verde que permita unir o campus coas estacións de tren e autobús
Por Redacción |
-
Salva o Tren alerta de que a Vía Verde supón "aniquilar" o desenvolvemento das comunicacións ferroviarias da comarca
Por Redacción |
-
Fomento informa de xeito favorable á Vía Verde na antiga liña do ferrocarril entre Vilagarcía e Portas
Por Redacción |