Os populares propoñen crear unha vía verde que permita unir o campus coas estacións de tren e autobús
Por Redacción
O grupo municipal do Partido Popular no Concello de Pontevedra solicitará a creación dunha vía verde dende a antiga ponte do ferrocarril en Monte Porreiro ata as estacións de tren e autobús.
O grupo popular lembra que no ano 2013, o seu portavoz, Jacobo Moreira, mantivo unha reunión con Fomento en Madrid na que se tratou este asunto e o proxecto tivo unha gran receptividade.
Así, os populares propoñen aproveitar eses treitos en desuso para a creación dunha vía verde, tanto para peóns como para ciclistas, que permita conectar o campus universitario coas estacións de tren e autobús. "Tería un impacto moi positivo, non só en materia de mobilidade, senón como promoción de rutas de ocio alternativas", dixo o edil César Abal.
MELLORAS EN MOLDES - MOURENTE
Tamén no vindeiro Pleno municipal, os populares solicitarán, a través dun rogo, unha serie de melloras para o lugar de Moldes, en Mourente.
Tras manter un encontro con diversos veciños da zona, a formación que encabeza Jacobo Moreira, solicitará ao goberno do BNG o asfaltado e limpeza de cunetas nas rúas Valdecorvos, Ángel Limeses, dos Cantos, do Porrelo e Vilaverde, "xa que o abandono destes pavimentos está a provocar importantes dificultades de acceso aos veciños", sinala a concelleira popular, María José Rodríguez Teso.
Ademais, o grupo popular inclúe nestas peticións, o peche do lateral esquerdo do campo de fútbol cunha rede e o acondicionamento dos seus vestiarios; a reforma de diversos lavadoiros do lugar, incluído o da Avenida de Lugo, co que se comprometeu o goberno local antes de iniciar a reforma da rúa no anterior mandato e que aínda non cumpriu; e a reforma do cruceiro sito preto do campo de fútbol xa que o seu abandono provocou a crecida de maleza ao seu arredor.
Relacionadas:
-
Pontevedra reclama de forma unánime a transferencia da AP-9 a Galicia
Por Alejandro Espiño |
-
O Adif desafecta a vella liña do tren entre Vilagarcía e Caldas
Por Redacción |
-
Reclaman con marchas a pé e en bicicleta unha Vía Verde entre Pontevedra e Redondela
Por Redacción |
-
Novo intento do BNG para que Fomento cree unha vía verde entre Pontevedra e Arcade
Por Redacción |