Os autopatronos de Sanxenxo implantarán radio taxi en Semana Santa
Por Redacción
Os autopatronos de Sanxenxo implantarán radio taxi en Semana Santa. Así llo comunicaron á alcaldesa, Catalina González, trala reunión que mantivo co presidente da Asociación Provincial de Taxistas, José Crespo; o responsable da delegación local, Sebastián García; e integrantes desta agrupación como Teodoro Mulloni e Serafín Torres, ademais do edil de Seguridade Cidadá, Salvador Durán.
O Goberno sanxenxino destacou a importancia que a inminente implantación do radio taxi no municipio conllevará en canto a ofrecer un servizo de calidade que "estea á altura das necesidades que presenta un municipio turístico de primeira orde como é Sanxenxo".
O sistema de xestión de flota que se habilitará en Sanxenxo será o máis novedoso que existe na actualidade xa que consistirá nun radio taxi por datos. E é que unha vez que o usuario solicite un vehículo con condutor chamando ao número de teléfono 986 723 030, unha operadora ofrecerá o servizo a aqueles taxistas que se atopen cerca do lugar onde deben recoller ao pasaxeiro, grazas a que desde a central coñecerán en todo momento a ubicación dos coches mediante GPS.
Os autopatronos recibirán ese aviso por mensaxe na pantalla que instalarán no frontal do seu vehículo e rexeitarán ou aceptarán automáticamente a carreira, o que permitirá á operadora que estea atendendo ao cliente trasladarlle en cuestión de segundos a información que precisa achega do número e licenza do coche que o recollerá.
"Isto dará máis seguridade aos usuarios, sen esquecer que favorecerá unha mellor xestión dos tempos de espera e tamén unha optimización dos custos para o viaxeiro xa que o taxi que empregará será o que se atope a menos distancia do seu punto de partida", explicaron os profesionais que hoxe se achegaron ao Concello de Sanxenxo, á vez que incidieron en que a chamada que faga o solicitante será de tarifa local.
Este novo servizo de 24 horas permitirá á súa vez activar as novas paradas creadas
Este novo servizo de 24 horas permitirá á súa vez activar as novas paradas creadas, situadas na zona de Areas, na Estación de Autobuses, diante do Centro de Saúde de Baltar e na Revolta (Noalla), e que ata agora carecían de número de teléfono de contacto. O seguinte paso será que o Goberno local convoque unha nova reunión á que invitarán aos representantes do CETS, dado que os autopatronos ofrecerán aos hoteleros do municipio a posibilidade de contar cunha aplicación exclusiva que facilite o uso do radiotaxi.
O Executivo sanxenxino aplaudiu esta acción que se suma "ao traballo que vimos desenvolvendo á hora de dar un salto cuantitativo en canto á calidade neste sector e que ven precedido pola implantación do taxímetro e pola aprobación dun regulamento deste servizo público de transporte".