Laboriosa operación para instalar un transformador eléctrico no Paseo de Odriozola
Por Alejandro Espiño
O novo transformador eléctrico da Praza da Ferrería xa está no seu lugar de soterramento. Unha laboriosa operación permitiu, a primeira hora desta mañá, situar esta instalación na zanxa de grandes dimensións que a empresa que executa os traballos de accesibilidade na Ferrería, EC Casas, abriu a pasada semana no paseo de Odriozola. ÿ a operación más complicada de todas as incluídas nesta reforma urbana.
Contra as sete e media da mañá, un vehículo de grandes dimensións, con capacidade para soportar 60 toneladas, chegaba ás inmediacións da Praza da Ferrería. Traía consigo o transformador eléctrico. A primeira dificultade era achegalo ao seu lugar de soterramento. Controlados en todo momento por axentes da Policía Local, o tráiler entrou na Ferrería pola porta de Trabancas. Foron necesarias moitas manobras para esquivar os edificios.
Unha vez situado o transformador ao carón da zanxa, os operarios tomaron o seu tempo para amarralo ben ao guindastre que debía situalo no seu sitio. Durante media hora, aseguráronse de que non había perigo de que caera ao levantalo. Foi una operación que atraeu a curiosidade de ducias de persoas, atentas a cada paso deste complicado proceso.
E máis cando o transformador tivo que ser retirado tras ser colocado por primeira vez. Segundo informaron a PontevedraViva os propios operarios, o motivo é que non quedara milimétricamente situado, algo necesario para evitar que, no futuro, xurdan problemas con el, entre outros motivos, por filtracións de auga. E o outro motivo é que a profundidade da escavación non era suficiente. Ao final, o transformador foi instalado sen maior problema.
Durante todo o día continuarán os traballos para deixalo conectado á rede eléctrica, antes de que os operarios de EC Casas volvan pechar a zanxa e executar a obra en superficie. En canto ao camión que trouxo o transformador, foi escoltado cara fóra da cidade pola Policía Local, seguindo un itinerario diferente ao da mañá: ponte dos Tirantes, Loureiro Crespo, Benito Corbal e avenida de Ourense.
A instalación deste transformador permitirá, segundo o goberno local, mellorar a calidade do servizo neste ámbito do centro histórico, como no seu día o fixo o instalado na rúa das Ánimas. Este transformador tamén permitirá baixar o cableado eléctrico das fachadas no ámbito da Ferraría, tal e como se fixo en todo o entorno da praza de Santa María.