San Amaro terá unha parcela para 'volver á terra' e esparexer as cinzas dos falecidos
Por Natalia Puga
A incineración está "puxando forte" como alternativa aos enterramentos tradicionais, de modo que en Pontevedra, como resposta á demanda crecente entre os cidadáns, acábase de poñer en marcha un proxecto para habilitar unha parcela dentro do propio cemiterio de San Amaro na que sexa posible esparcir as cinzas.
Estará lista nos próximos meses e incluirá unha zona específica para celebrar cerimonias e colocar placas en recordo dos falecidos cuxos restos sexan depositados alí.
A concelleira responsable de Cemiterios, Carmen Fouces, anunciou o proxecto este venres. A pesar de que esta presentación coincide no tempo coa noticia de que a Igrexa católica non permitirá esparcir as cinzas nin telas en casa, o proxecto non ten relación directa co anuncio, senón que leva xestándose varios meses.
Fouces asegura, ademais, que non corresponde ao Concello poñerse en contacto coa Igrexa para abordar este asunto, pois eles ofrecen un servizo e quen opte por utilizalo, se opta polo rito católico, deberá aclarar todas as cuestións necesarias.
Segundo explicou, a administración local fai a súa parte e "ofrece esta posibilidade cun lugar propio e adecuado para este tipo de cuestións", logo, se queren falar coa Igrexa, "é unha cuestión particular de cada quen".
O lugar elixido está dentro do recinto do cemiterio, unha parcela de 5.800 metros na parte nova do camposanto. Os técnicos municipais aínda están a terminar o deseño do proxecto, pero a concelleira xa adiantou que incluirá unha zona de axardinamento, unha construción funeraria na que poder realizar cerimonias e un muro no que instalar placas cos datos das persoas cuxas cinzas se depositen alí coa idea de que os familiares tegan un lugar no que ir visitar aos seus defuntos.
O proxecto bautizouse como "Volta á terra" e está baseado na "sustentabilidade" e na orixe histórica dos enterramentos, que non era outro que "soterrar o cadáver tiña esa misión de voltar á natureza". A incineración ten unha "importante demanda" e Fouces considera que este proxecto dá a oportunidade aos pontevedreses de facelo dunha forma "sinxela, ordenada".
As cinzas, iso si, non se enterrarán, senón que se esparcirán, pois se se opta por enterralas, "estariamos outra vez con problema de espazo".
Relacionadas:
-
VIDEO.- O cemiterio de San Amaro disporá dunha pradería para esparcir cinzas e un espazo para cerimonias civís
Por Oskar Viéitez |
-
A parcela para esparexer cinzas estará disponible en San Amaro antes de final de ano
Por Alejandro Espiño |
-
Os cemiterios prepáranse para o Día de Todos os Santos
Por Redacción |
-
Aberto o proceso para solicitar nichos en San Amaro e Ponte Sampaio
Por Redacción |
-
325 nichos agardan solicitantes nos cemiterios de San Amaro e Ponte Sampaio
Por Redacción |