O pavillón de Bueu súmase á biomasa
Por Redacción
O Concello de Bueu acaba de instalar no Pavillón Municipal Pablo Herbello unha caldeira de biomasa, un sistema pioneiro no municipio que xa pensa en levar a outros edificios municipais.
A caldeira do pavillón é a primeira instalación destas características que vai haber no municipio e ten un sistema de auga quente sanitario que pretende mellorar os servizos, ao tempo que se reduce o consumo enerxético e se aforran custos económicos.
A caldeira puido adquirirse grazas a unha subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria por un importe de 20.399,96 euros, o que supuxo o 75% deste subministro, que permitirá aforrar en torno a un corenta por cento de enerxía, tanto polo combustible como pola proximidade.
Esta renovación dos servizos do pavillón municipal é a segunda que se leva a cabo nestas instalacións nun curto período de tempo, tras a renovación das canalizacións interiores dos vestiarios, tal e como destacou o alcalde na súa recente visita ao pavillón acompañado do arquitecto técnico municipal e da concelleira de turismo e promoción económica, Silvia Carballo.
Segundo informou o Concello a través dun comunicado, os servizos técnicos municipais teñen redactado un proxecto que permitirá acometer varias actuacións tanto no pavillón como na nave de deportes náuticos de Pescadoira. No pavillón prevén o subministro dun total de 400 asentos de plástico con respaldo para mellorar a comodidade dos usuarios e na nave prevese unha reparación e mellora nas fachadas, incluíndo a apertura de ventás para que a nave goce de maior ventilación e iluminación.