Unha muller en cadeira de rodas resulta ferida nun atropelo en Eduardo Pondal
Por Redacción
Unha muller que se despraza en cadeira de rodas motorizada resultou ferida este luns nun atropelo na rúa Eduardo Pondal de Pontevedra. Foi trasladada ao Hospital Domínguez para ser atendida, pero nas primeiras valoracións indican que presenta lesións de carácter leve.
Segundo informou a Policía Local de Pontevedra, a muller cruzaba a rúa á altura do paso de peóns cando foi arroiada por un turismo marca Seat Ibiza. A raíz do impacto, a cadeira de rodas envorcou e a súa usuaria sufriu un pequeno golpe na cabeza mentres que a condutora do vehículo non sufriu danos.
O sinistro produciuse sobre as 13.10 horas deste luns no paso de peóns sen semáforo situado preto do final da coñecida como Cidade de Pedra. Tras o accidente, foron alertadas a Policía Local e Urxencias Médicas de Galicia, que desprazou ao lugar unha ambulancia.
A ferida foi trasladada ao Hospital Domínguez e a súa cadeira motorizada quedou no lugar do accidente, onde foi examinada polos integrantes da Policía Local que instrúen o atestado do sinistro.