Nacido en xaneiro de 2015, El Escaparateiniciou neste mes de outubro as emisións da nova tempada, na que proxectan dar forma a máis dunha vintena de programas de 30 minutos de duración, que cada martes gravan nos estudos de Ciencias Sociais e que ese mesmo día difunden a través da súa web e os mércores en PontevedraViva Radio.
"Queremos involucrar a xente doutras facultades, que escoiten tamén o noso programa e que poidan colaborar con nós e suxerir temas", engade a estudante de Comunicación Audiovisual e membro do equipo de produción de El Escaparate, Carol Buceta.
E é que na opinión dos seus creadores, "o programa estábase convertendo nun espazo practicamente reservado a aqueles asuntos relacionados coa facultade e queremos converternos na radio universitaria que dea voz ao campus de Pontevedra", sinala José Jardón, director deste espazo radiofónico semanal.
Así, no presente curso o programa conta con un equipo de 28 alumnos, e entre os que por primeira vez atópanse estudantes de Ciencias da Educación e do Deporte e Belas Artes.
Con esa idea, El Escaparate contará con novas seccións como Bla, bla campus, unha axenda na que dar conta da actividade nas diferentes facultades e escolas, ou Xente de acolá, aquí, unha sección de entrevistas a alumnado estranxeiro do campus.
Ao mesmo tempo, mantéñense propostas como a entrevista central, que nestas semanas achegou ao campus, entre outros, ao emprendedor Borja Rodríguez, responsable da firma de roupa Blue Lion, un dos proxectos premiados na última edición dos premios Incuvi Emprende ou ao profesor de caracterización da Escola de Imaxe e Son de Vigo Ricardo Spencer.
Así mesmo, tamén proxectan sumar a este programa semanal outra serie de contidos en vídeo, a través dunha canle en Youtube, na que incluír, entre outros contidos, entrevistas a pé de rúa relacionadas coas temáticas que centran cada semana o programa.
"Os contidos van cambiando e adaptándose á nova xente que entra no equipo", sinala neste senso Buceta dunha iniciativa que a finais de setembro celebraba "un cásting ao que se presentaron case 50 persoas" co propósito de sumar novos membros ao proxecto.
El Escaparatetraballa así mesmo na súa constitución como asociación co propósito de darlle maior difusión ao programa e desenvolver unha serie de accións complementarias ás propias emisións do programa.