Xuízo por narcotráfico na Audiencia: "¿Enviaban 24.000 euros para comprar capachos?"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Sete acusados de pertencer a un grupo criminal dedicado ao tráfico de droga sentaban na mañá deste xoves no banco da Audiencia Provincial. O oitavo acusado desta trama atópase cumprindo condena en Albania e non participa na vista oral na que o fiscal pide penas de cárcere, que van desde os nove e os once anos de cárcere por vender droga nas comarcas do Salnés e en Ulla Umia.
No xuízo que se celebra na sección 4ª, Francisco Javier Souza, de Vilanova de Arousa, recoñecíase autor do feitos pero evitaba a implicar a outros dos acusados. Ante as preguntas do fiscal Pablo Varela indicaba que non lembraba as conversacións mantidas entre finais de 2012 e principios de 2013, no momento en que o grupo estivo sometido a investigación ata que a Policía Nacional incautábase de case 6 quilos de heroína en Caldas, cando tres dos acusados, A.H., C.E. e G.M., dirixíanse a Vilagarcía de Arousa. Esta heroína obtería un valor no mercado ilícito superior a 215.000 euros.
O romanés A.H. tamén se declarou culpable dos feitos que se lle imputan relacionados co traslado da droga desde Barcelona ata Galicia. Indicou que leva tres anos e medio en prisión e tampouco lembraba as conversacións telefónicas nin os whatsapps enviados a outros integrantes do presunto grupo criminal. "Acórdase vostede de con quen tomou un café hai 9 meses?" espetou ao fiscal durante o interrogatorio.
Tamén o italiano Lui Volina, de 71 anos de idade, recoñeceu as súas "responsabilidades" nos feitos. Confirmou que a súa conexión era con A.H. Segundo o Ministerio Fiscal, o grupo actuaba baixo a súa dirección e coordinación. Concluíu a súa exposición ante a xuíza Nélida Cid sinalando que estaba arrepentido e afirmou que "a vida me ha levado a isto".
A Fiscalía considera que o encargado de facer efectiva a remisión ao estranxeiro do diñeiro recadado polos acusados na actividade era Mario G., residente en Caldas de Reis. O acusado sinalou que, en efecto, el facía ingresos para Lui sen saber as implicacións ilícitas. Indicou que el só sabía que eran operacións para importar e exportar cousas de "alá para aquí e de aquí cara alá". O fiscal pediulle que especificase que cousas se enviaban. E Mario contestou: "capachos, dos que se usan na vendima". Ao que o fiscal preguntoulle: "Enviaban 24.000 euros para comprar capachos?". O acusado mantivo que descoñecía para que eran os ingresos que el realizaba.
O resto de acusados non recoñeceron os feitos ante a xuíza e desvinculáronse das actividades relacionadas co presunto grupo criminal.
O vindeiro martes 8 de novembro retomarase o xuízo a partir das 10.00 horas.