Ofrenda floral no monumento ás vítimas da represión franquista no mes da memoria histórica
Por Mónica Patxot
O concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará, levou a cabo este venres unha ofrenda floral no monumento ás vítimas da represión franquista situado na avenida de Buenos Aires. Trátase dun acto que se engloba nas actividades previstas ao longo do mes de novembro, dedicado á memoria histórica.
O sábado 12, ás 19.00 horas, desenvolverase un acto de homenaxe ás vítimas do 12 de novembro, no monumento situado nesa rúa. Participarán autoridades políticas e familiares de persoas que sufriron a represión.
O mércores 30 de novembro, o Teatro Principal acollerá o acto institucional de homenaxe ás vítimas silenciadas, que se centra na Pontevedra obreira e agraria.
Este ano cúmprense oito décadas do inicio do levantamento fascista e o Concello de Pontevedra quere realizar unha programación para poñer de relevo os nomes e o papel das vítimas silenciadas e esquecidas.
A xornalista Montse Fajardo ofrecerá unha conferencia o martes 8 ás 20.00 horas na Casa das Campás sobre 'A represión das mulleres despois do golpe do 36'. O martes 15 proxectarase o documental 'As vítimas sen pranto' na Casa das Campás. O día 22 tamén neste mesmo espazo desenvolverase unha mesa redonda sobre "As que quedaron", na que falarán representantes de familias represaliadas.
A exposición 'Do gris ao violeta' tamén se poderá visitar desde o luns 7 ata o 21 na Facultade de Ciencias da Educación. A mostra complétase cunha conferencia sobre a represión sufrida polas mulleres, que terá lugar o 28 de novembro ás 19.00 horas.
Entre o martes 22 e o venres 2 de decembro, a exposición estará na Casa Verde de Salcedo, onde tamén haberá o martes 29 de novembro un 'Encontro coa memoria'. O Centro Social Sur acollerá esta mostra entre o sábado 3 e o venres 16 de decembro.
Relacionadas:
-
A Pontevedra da loita obreira represaliada no Franquismo retorna do silencio
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
RADIO.- Fina Paz, orfa de Ramiro Paz: "Cada 12 de novembro amence o mesmo día gris, de chuvia miúda"
Por Marisa Ciordia |
-
Pontevedra rescata a memoria de Consuelo Acuña e Elvira Lodeiro, fusiladas na Ditadura
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Mourente fai memoria e renderá homenaxe a Isolina Villaverde e Aurelio Torres, vítimas do Franquismo
Por Natalia Puga |
-
A mostra "Do gris ao violeta" percorrerá os institutos da cidade
Por Redacción |
-
Dez autores recollen nun libro a "historia invisible" das mulleres de Pontevedra
Por Redacción |