Alimentos para 17.135 pontevedreses en situación de extrema vulnerabilidade
Por Redacción
Cruz Vermella Española distribuirá en todo o Estado 13 millóns de quilos e litros de alimentos entre preto dun millón de persoas desfavorecidas dentro do seu Plan de Alimentos 2012. No caso de Pontevedra, chegarán a 17.135 persoas, 450 máis que na última repartición realizada, que se remonta a hai tan só cinco meses, en outubro de 2012
Os colectivos aos que se dirixe o chamamento son os máis 'fragilizados', como familias con todos os seus membros no paro; nenos que viven en fogares pobres; persoas maiores con responsabilidades familiares sobrevidas pola precarización familiar; persoas paradas de longa duración; persoas sen fogar; e mozos no paro.
Entre os alimentos que se van distribuír nesta fase figuran produtos lácteos como leite, derivados de cereais como distintos tipos de pasta alimenticia e galletas, ademais de arroz, e legumes como, lentellas, e outros alimentos como aceite, conservas de atún, de feixóns verdes de tomate frito e alimentos destinados á poboación infantil como papas de cereais e leite de continuación.
A repartición na provincia de Pontevedra realízao Cruz Vermella Española e a Federación Española de Bancos de Alimentos. Durante este ano, e debido á actual crise, organizouse a entrega de alimentos tamén para as persoas atendidas directamente nos programas de Cruz Vermella a través das asembleas de A Estrada, Baixo Miño, Salnés, Vigo, Ponteareas e Pontevedra. En concreto, dende a sede de Cruz Vermella na cidade de Pontevedra entregáronse paquetes de alimentos a 29 familias das que atenden habitualmente.
A distribución de alimentos é unha das accións máis importantes do Chamamento de Axuda lanzado por Cruz Vermella Española ('Agora + que nunca') co fin de incrementar o seu apoio ás persoas afectadas pola crise e atender a 300.000 persoas máis en situación de extrema vulnerabilidade, ademais dos dous millóns de persoas ás que asiste anualmente.
Outras das intervencións fundamentais de Cruz Vermella para apoiar as persoas afectadas pola crise son a distribución de kits de emerxencia social, de abrigo e de hixiene, os puntos de información sobre emprego ou as axudas económicas de carácter puntual. Pero ademais destas medidas de emerxencia social, Cruz Vermella está a reforzar outras intervencións como o seu Plan de Emprego, no que participaron 250.000 persoas dende o ano 2000 e 70.000 encontraron traballo.