Un apoio para os avós que teñen ao seu cargo a educación dos netos
Por Redacción
Recoñecer o labor dos avós na educación e coidado dos netos, propoñerlles estilos de vida saudables que fomenten a cultura do autocuidado e facilitarlles ferramentas educativas e pedagóxicas que lles axuden a desenvolver esta tarefa son os principais obxectivos do programa "Avós e Avoas Educadores", que Cruz Vermella puxo en marcha.
O programa diríxese a maiores de 60 anos que teñen ao seu cargo a educación dos seus netos, ben durante toda a xornada ou durante unha parte significativa da mesma. E xorde para ofrecer un servizo de soporte psicosocial a persoas maiores que exercen funcións parentales de educación e crianza a menores de idade.
O programa que se desenvolverá en Pontevedra estrutúrase en tres fases.
Unha primeira fase constitúena as Escolas de avós e avoas educadores, nas que a través dunha metodoloxía participativa, desenvólvense habilidades específicas centradas no manexo efectivo das situacións cotiás que se producen na educación de menores -sobre todo cando estes chegan á adolescencia- orientándolles e apoiándolles no proceso educativo, aproveitando a súa experiencia previa como pais e nais.
O programa base de cada escola organízase en doce sesións, de frecuencia semanal e 90 minutos de duración cada unha. Tras unha sesión inicial de presentación e reflexión sobre o actual papel dos avós na educación dos netos, pasan a abordarse técnicas de autocuidado e vida saudable, porque para poder coidar os maiores teñen tamén que aprender a coidarse, analizando os seus hábitos de vida, coidando os seus tempos de lecer, etc.
O programa reflexiona sobre os distintos tipos de modelos educativos (permisivo, autoritario, democrático), propón técnicas para a resolución de conflitos e traballa as habilidades de comunicación que melloren o entendemento entre avós e netos, con especial atención ás derivadas das diferenzas xeracionais, a adolescencia ou cuestións complexas como o acoso escolar ou as derivadas do uso crecente que os menores fan das novas tecnoloxías. Abordaranse también actividades interxeracionais a realizar de maneira conxunta por avós e netos, abertas tamén aos pais dos nenos e nenas.
A segunda fase do programa potencia a continuidade do contacto entre participantes coa constitución de grupos de axuda mutua, que continúen reflexionando e traballando sobre estes temas de maneira autónoma, co apoio de persoal voluntario. Por último, unha terceira fase, que se desenvolve de maneira paralela ás anteriores, contempla a atención individualizada mediante a realización de entrevistas personalizadas para ofrecer un apoio adaptado ás necesidades de cada familia que o necesite.
Ao mesmo tempo que se desenvolven os grupos educativos con persoas maiores, ofrécese un servizo de respiro, que se encargará do coidado dos menores mentres os seus avós asisten ás sesións.
Este programa comezou a desarrollarseen o ano 2006 en Huelva, Asturias e na Coruña (nas localidades de Narón e Carballo) co apoio da Fundación Inocente. Logo mantívose grazas á subvención do actual Ministerio de Sanidade e Política Social, a través da asignación tributaria do 0,7% de IRPF. Agora ábrese unha nova etapa en Galicia co financiamento da Xunta de Galicia.