En Valdecorvos só haberá árbores autóctonas
Por Redacción
O parque de Valdecorvos xa está libre de plantas invasoras. Os operarios do servizo de Medio Ambiente Natural do Concello xa remataron cos traballos de roza, limpeza e posta a punto deste espazo público que, a partir de agora, estará dispoñible para o uso da veciñanza.
Nos últimos días, os operarios fixeron unha limpeza a fondo da senda fluvial cunha roza mecánica seguida doutra ao detalle feita de xeito manual na beira do río coa fin de retirar plantas invasoras.
O punto de entrada do río Valdecorvos na urbanización, segundo recordan desde o Concello, era un bosquete moi mesto onde medraban canas, acacias, mimosas e eucaliptos.
Cortáronse todos estes exemplares deixando en pé as poucas árbores de especies autóctonas que vivían no lugar. A partir de agora teñen espazo para medrar e que nazan novos individuos tanto de especies arbóreas como herbáceas que ata o de agora tíñano moi difícil pola escaseza de espazo e de luz e polos efectos alelopáticos das especies invasoras.
Por outra banda, limpáronse os noiros nos que tamén medraba mucha vexetación e de fóra, arranxouse e se lle deu un tratamento protector á pasarela e actuouse sobre o camiño -arranxo do firme- e renováronse as arquetas.
Rematados todos estes traballos, o parque quedará listo para o uso da veciñanza coa retirada nestes días de madeira acumulada das rozas.