Sanxenxo atendeu este ano 27 casos máis que en 2015 de atención psicolóxica por violencia de xénero
Por Redacción
Os integrantes da Mesa Local para a Violencia de Xénero analizaron a evolución deste problema en Sanxenxo chegando, entre outras, á conclusión de que o traballo realizado está a dar os seus froitos a teor dos datos do Centro de Información á Muller (CIM), que neste último ano viu como aumentaba o número de atencións psicolóxicas relacionadas con casos de violencia de xénero.
A principios de novembro, o CIM atendía neste 2016 un total de 68 casos, fronte aos 41 correspondentes ao ano anterior. Desde a Concellería de Benestar Social apúntase a que en 2015 a maioría desas consultas facía referencia a casos que se remontaban a anos atrás.
"Isto demostra que aos poucos as mulleres van coñecendo o traballo que se fai desde o CIM e saben que é un bo recurso, que teñen á súa disposición parae superar este tipo de situacións", explica Sandra Fernández Agraso, concelleira de Benestar Social.
Nesta reunión da Mesa contra a Violencia de Xénero, ademais do alcalde Gonzalo Pita, asistiron, entre outros, a nova titular do Xulgado de Violencia contra a Muller de Cambados; a xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno; o inspector xefe da Policía Local; o comandante e o sarxento do Posto Principal da Garda Civil na vila.
A Garda Civil sinala, con todo, que se manteñen uns índices similares de denuncias aos de 2015, mantendo en vigor un total de 9 ordes de protección a mulleres por este tipo de delitos.
Con todo, a titular do Xulgado de Violencia contra a Muller como os responsables da Garda Civil coinciden en que si se rexistrou un repunte de denuncias durante o pasado mes de agosto. Un dato que se relaciona co incremento de poboación que se produce en Sanxenxo durante o verán.
A Concellería de Benestar Social ten previsto desenvolver ao longo do mes de novembro actividades para previr actitudes machistas entre os adolescentes, un sector de poboación entre o que se detecta unha elevada tolerancia con condutas de desigualdade. O IES Sarmiento acolle a partir deste martes 8 tres sesións nas que se tratarán estereotipos, micromachismos ou roles de xénero; as relacións amorosas na adolescencia e os ciberdelitos sexuais.