A Orella de Lérez abre un mes de festas gastronómicas en Pontevedra
Por Redacción
O domingo 3 de marzo ábrese un mes gastronómico nas parroquias de Pontevedra. A Festa do Orella de Lérez será a primeira, pero detrás chegarán, o día 10, a Festa do Caldo de Mourente e a Festa da Fabada de Marcón, que se celebrará o 17 de marzo.
A Festa da Orella alcanza este ano a súa sétima edición organizada pola asociación veciñal San Benito de Lérez. O seu vicepresidente, Miguel Vilacoba, presentouna acompañada pola edil de Festas de Pontevedra, Carme da Silva, e explicou que a previsión que teñen é preparar entre 500 e 600 porcións de orella salgada, pero que "non podemos calcular" cantas porcións de orella doce servirán, pois "iso vaise preparando a medida que se vai pedindo, estaremos dende as oito da mañá facendo orellas".
Os prezos serán anticrise. Manteñen as mesmas tarifas que en edicións anteriores, de tal forma que os que se achegan ao adro da igrexa de San Bieito de Lérez a partir das 11.00 horas da mañá do domingo poderán degustar orellas doces a 0,50 euros a unidade e unha cazola de barro con orella salgada, patacas, viño e pan por cinco euros. Todo iso amenizado polo grupo de gaitas da parroquia "Gaiteiros das Rías Baixas" e mentras os asistentes visitan unha exposición de motos antigas.
Como novidade, este ano será o primeiro en que a festa gastronómica conte con pregoeiro. Correrá a cargo do veciño de Lérez, historiador e presidente da asociación cultural Cedofeita, José Álvarez. "Seguramente será un pregón digno de escoitar", indica Vilacoba, que fixo alusión a que "ten estudos sobre a etnografía e historia de Lérez".
A festa celebrarase baixo unha carpa, pero os organizadores contan co éxito da festa porque "polo que di Meteogalicia, o tempo vai ser bo" e chaman á participación masiva na festa. "A orella é un produto que ou o queres ou o odias, pero é un produto que non pasa desapercibido", sinalou.
Carme da Silva únese á chamada á participación na festa, convencida de que "coma sempre, estará boísima". Destacou, así mesmo, que"este tipo de festas non son só importantes por desfrutar delas, senón polo traballo en común na parroquia". Entre o venres e o domingo haberá 40 veciños de Lérez traballando como voluntarios para facer posible a festa.