Retiran nove de cada dez niños de gaivotas localizados en Pontevedra
Por Redacción
Diminuír a poboación de gaivotas na cidade para reducir os danos e as molestias que lle causan ás persoas. É un dos obxectivos que busca a campaña de control que puxo en marcha o Concello hai un tempo. E está a dar os seus froitos, segundo destacan desde o goberno local.
Esta campaña, desenvolvida en colaboración coa empresa especializada Larus Control, permitiu retirar nos últimos meses nove de cada dez niños de gaivotas que foron localizados nos tellados da área urbana da cidade.
En concreto, atopáronse 253 parellas de gaivotas patiamarelas con niño propio. Deles procedeuse á retirada de 226 niños (o 89,33%), que contiñan 336 ovos e 59 polos, seis deles en patios interiores e 53 en tellados.
A intervención feita sobre nove de cada dez parellas consistiu na retirada do niño e o contido alo menos unha vez. As 27 parellas non intervidas foi por mor da imposibilidade de acceder a todas as zonas elevadas da cidade.
Aínda que se está a detectar un acoutamento e unha lixeira baixada no número de parellas nidificantes, a realidade é que á poboación establecida se lle suma a chegada de novos individuos doutras colonias de cría saturadas como as illas Cíes ou Ons.
A campaña desenvolveuse do 5 de maio ao 31 de agosto. Durante ese tempo, recibíronse 276 queixas dos veciños pola presenza de gaivotas que foron atendidas. Revisáronse un total de 460 tellados, xa que en cada visita se ollaban tamén as cubertas que arrodeaban o inmoble afectado.