O director de ENCE sobre o ERE: "Trátase do momento máis duro que vivín en case 25 anos"
Por Redacción
O ERE con 144 despedimentos que a dirección de Ence anunciou para os próximos meses nas factorías de Pontevedra, Navia, Huelva e Madrid xa tivo resposta entre os traballadores da factoría, que dan vía libre ao comité para unha convocatoria de folga. Agora é a patronal a que se manifesta e faino a través do director do Centro de Operacións de Pontevedra, Antonio Casal. O directivo asegura que "trátase, seguramente, do momento máis duro que vivín en case 25 anos traballando en Ence".
Antonio Casal sinala que "nós, como empresa, debemos actuar para adecuarnos á realidade dos tempos que corren" e esta realidade está marcada polas reformas enerxéticas adoptadas polo Goberno, pois os recentes cambios regulatorios que afectan ás renovables (RD 15/2012 e RD 2/2013 ) farán que os ingresos de Ence pola venda de enerxía eléctrica experimenten unha forte caída, poñendo en risco o modelo industrial da compañía, baseado no aproveitamento integral da árbore que Ence impulsou nos últimos anos para a produción de celulosa e a xeración de enerxía con biomasa.
Asegura que este modelo fíxolle posible á compañía manter a súa competitividade nos mercados internacionais, aumentar a súa capacidade de exportación, e manter a súa cota de mercado e sinala que a reestruturación que Ence se ve obrigada a acometer tras estas reformas, constitúe unha medida "difícil e dolorosa", pero matiza que "moito peor sería que a empresa permaneza sen facer fronte ao serio problema que nos ocasionou a reforma enerxética do Goberno. Se non tomamos medidas agora, o problema será moito maior a medio prazo".
"Sei que é difícil de entender que despois de anunciar beneficios do grupo Ence de 43 millóns de euros en 2012 se anuncien medidas de reestruturación", explica, "pero as empresas deben afrontar os cambios das regras do presente para construír e garantir o seu futuro. Cando se produce un cambio deste tipo, as empresas deben reaccionar con rapidez, porque unha reacción tardía, obrigaría, sen dúbida, a enfrontarse a graves problemas, en moitos casos insalvables".
O director do Centro de Operacións de Ence en Pontevedra confía en que a negociación entre a empresa e o comité permita que as medidas de reestruturación se fagan co maior consenso posible: "durante moito tempo, os traballadores de Ence deron o mellor de si mesmos para converter madeira galega nun produto de exportación de primeira calidade, e souberon facer da fábrica de Lourizán un exemplo mundial de xestión ambiental. Están afeitos a afrontar dificultades e por iso, entre todos, elevamos esta empresa ata o nivel no que está. Confío en que entre todos saibamos tamén construír o futuro da empresa".
Relacionadas:
-
A Xunta, aberta a "escoitar" os proxectos de ENCE para unha planta de biomasa, pero "no seu momento"
Por Redacción |
-
ENCE apraza unha semana a presentación do ERE co despedimento de 144 traballadores
Por Anxo Lourido |
-
García Pedrosa de CC.OO.: "Ante o ERE en Ence non queda outra resposta que a folga"
Por Anxo Lourido |