A DXT reactiva a súa campaña de prevención de atropelos coincidindo coa redución de horas de luz
Por Redacción
A Dirección Xeral de Tráfico activa unha nova fase da campaña especial de prevención de atropelos posta en marcha no principio do ano en colaboración coa Xunta de Galicia. Faino coincidindo co cambio de horario de inverno, cando se reducen as horas de luz e moitos peóns que ata hai pouco realizaban os seus desprazamentos con luz natural pasan a facelo ás escuras e, en moitos casos, en condicións meteorolóxicas adversas.
O propósito desta iniciativa é concienciar aos peóns sobre a importancia de facerse ver na estrada polos condutores. Para iso, a Xunta puxo a disposición das xefaturas provinciais de Tráfico un total de 2.000 chalecos reflectores que en boa parte foron repartidos nunha primeira fase desenvolvida en marzo, coincidindo coa Semana Santa.
Nesta nova fase que comeza agora, os axentes da agrupación de Tráfico da Garda Civil retomarán a repartición de chalecos entre aqueles camiñantes que se despracen sen este tipo de pezas por vías interurbanas das catro provincias. Os mesmos axentes lembrarán, antes de entregar as pezas, a obrigatoriedade de ir con elementos reflectores cando se transite por vías interurbanas fose de poboación durante a noite ou en condicións de escasa visibilidade, tales como néboa ou choiva intensa.
No que vai de ano xa se rexistraron en vías interurbanas galegas doce vítimas mortais por atropelo e a DXT lembra que o obxectivo é que non haxa que lamentar nin unha vítima máis.
En canto aos condutores, cabe lembrarlles a obrigación de levar as luces do vehículo acendidas en caso de meteoroloxía adversa, xa que tamén deben facerse visibles aos demais usuarios da vía. Ademais, os vehículos deben moderar a velocidade en zonas de movementos de peóns (travesías, carreiros, zonas con casas, etc.).
Os estudos de accidentalidade indican que, en caso de atropelo: a 80 km/h falece o 95%; a 50 km/h, o 50%; e a 30 km/h, o 5%.
Relacionadas:
-
Ponte, ceas de empresa, Nadal... o perigo crece ao volante e Tráfico estará á espreita
Por Natalia Puga |
-
Atropelo de carambola nun paso de peóns de Meaño
Por Redacción |
-
Unha muller en cadeira de rodas resulta ferida nun atropelo en Eduardo Pondal
Por Redacción |
-
Ferida unha persoa de idade avanzada atropelada por un camión en Marín
Por Redacción |
-
Unha menor resulta ferida nun atropelo na Ponte dos Tirantes
Por Oskar Viéitez |