Cores Tourís advirte os afectados: "eu desaloxo a quen sexa e aquí non queda encerrado ninguén"
Por Natalia Puga
A Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra aínda non estivo no punto de mira dos afectados pola comercialización de participacións preferentes ou subordinadas, pero o seu responsable, José Manuel Cores Tourís, adiántase aos acontecementos e xa alerta os posibles manifestantes que non lles permitirá un encerro nas instalacións.
Tras os últimos incidentes de afectados polas preferentes que tiveron encerrado ao Goberno local do Porriño ata altas hora da madrugada ou obrigaron a cancelar o pleno de Ás Neves, Cores Tourís respóndelles:"a min, se me pasa aquí, eu teño clarísimo que desaloxo a quen sexa daquí e aquí non queda encerrado ninguén, teñoo clarísimo".
Tourís realizou estas declaracións ante os medios de comunicación despois de que todos os alcaldes do PP de Pontevedra anunciasen unha fronte común contra "a actitude de violencia crecente" cara a eles que adoptaron os últimos días os afectados.
O delegado territorial de Pontevedra mostrou o seu total respaldo á postura dos rexedores do seu partido "dicindo que non van permitir iso", pois na súa opinión "dende logo, eu creo que teñen que tomar ser medidas". Sobre as protestas dos afectados e a petición de axuda que están a realizar os distintos concellos pontevedreses, sinalou: "eu creo que nas corporacións teñen que presentar os escritos, teñen que reclamar o que queiran, pero, dende logo, é un sinsentido todo isto porque un día vai acabar mal algo".
Ademais, atribuíu todas estas protestas e irrupcións nas casas consistoriais a "algúns lideres políticos dos que queren gañar as eleccións na rúa con todos estes temas".
O PP provincial sinala a PSOE e BNG
O PP provincial de Pontevedra tamén denunciou o "silencio cómplice de PSOE e BNG ante a actitude violenta e totalmente antidemocrática de determinadas persoas disfrazadas de afectados de preferentes que están a tratar de impedir o normal funcionamento das administracións locais gobernadas polo Partido Popular e de coaccionar aos seus alcaldes".
Os 'populares' pontevedreses poñen sobre o tellado de socialistas e nacionalistas a responsabilidade de ter permitido a comercialización destes produtos financeiros tóxicos e lamentan que "os mesmos que consentiron que se enganase a milleiros de galegos coa comercialización de preferentes estando no goberno e ao fronte dos órganos de control, estean agora a amparar actitudes antidemocráticas que impiden o normal funcionamento das administracións".
"Non era o PP o que tiña estas responsabilidades cando se produciu a comercialización de preferentes, senón o PSOE, que agora pretende ocultar as súas responsabilidades. Os populares recalcan que o primeiro que ten que dar explicacións é o PSOE, aclarándolle a todos os afectados por preferentes para onde estaban mirando cando desde diferentes entidades de toda España se estaba colocando este produto a persoas que non cumprían co perfil requirido", indican.
O PP incide, ademais, "en que os verdadeiramente afectados por preferentes só teñen un aliado, que é o PP, que desde o mesmo instante en que xurdiu o problema se puxo a traballar para darlle unha solución. Foi esta actitude a que permitiu que máis de 13.000 persoas recuperasen xa o seu diñeiro pola vía da arbitraxe".