Candeas e flores en memoria dos dez fusilados o 12 de novembro
Por Diego Torrado
José e Germán Adrio, Telmo Bernárdez, Amancio Caamaño, Víctor Casas, Luís Poza, Paulo Novás, Benigno Rey, Ramiro Paz e Juan Rico son os nomes dos dez republicanos, de distintas ideoloxías, que o 12 de novembro de 1936 eran fusilados no quilómetro 1 da estrada de Campañó. O seu asasinato deixou 10 viúvas e 33 orfos.
Pasados 80 anos, Pontevedra lembrou aquela data funesta cun acto de recordo na pasarela '12 de novembro', coa presenza do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, representantes de todos os grupos políticos da corporación municipal, ademais do parlamentario Guillermo Meijón e do deputado provincial Xosé Leal.
O concelleiro Luís Bará exerceu de condutor do evento sinalando que "non hai historia muda" utilizando palabras do escritor Eduardo Galeano. "Non se pode construír unha democracia con tantas cuestións pendentes" continuou o concelleiro nacionalista que deu paso á intervención de Marica Adrio, filla de Gonzalo Adrio, que non puido asistir ao acto debido á súa avanzada idade, e sobriña de José Adrio, quen foi presidente da Deputación Provincial, antes do seu fusilamento na Caeira.
Marica Adrio fixo mención á emotiva carta que lera durante a homenaxe realizada na Deputación durante a mañá por Begoña Caamaño, neta do que fóra tamén presidente provincial Amancio Caamaño Cimadevila. Ademais, na súa intervención destacou a vida difícil de todas as mulleres que sufriran a dor e o silencio durante os anos da ditadura franquista.
Tras as súas palabras emitiuse un vídeo lembrando aos falecidos e aos seus familiares mentres os participantes depositaban ver e flores ante o monumento mentres o dúo Fírvida interpretaba unha peza musical.
O acto concluíu coa intervención do alcalde de Pontevedra que lembrou que o 12 de novembro é unha data para celebrar as vidas honestas e xenerosas, os ideais limpos e solidarios, a entrega e a xenerosidade das persoas de ben. Fernández Lores sinalou que con este acto déixase testemuño da inmensa gratitude que sente cara aos homes e as mulleres que soñaron, que loitaron e que deron a vida por unha sociedade máis igualitaria, libre e democrática. E destacou que deben ser un exemplo para construír un futuro de xustiza e dignidade colectiva.
Ademais de familiares das vítimas, á homenaxe acudiron os portavoces municipais do Partido Socialista e de Cidadáns, Tino Fernández e María Rey; os concelleiros do Partido Popular, José Luis Martín e César Abal, ademais da concelleira de Marea Pontevedra, Carmen Moreira.
Relacionadas:
-
Pontevedra volverá facer memoria o 12 de novembro para lembrar os fusilados do 36
Por Redacción |
-
As voces de mulleres de familias represaliadas resoaron no CITA
Por Redacción |
-
Pontevedra acolle dúas proxeccións do documental "Las víctimas sin llanto"
Por Redacción |
-
A Deputación pon voz ao silencio no acto de reparación da Memoria Histórica
Por Redacción |
-
RADIO.- Fina Paz, orfa de Ramiro Paz: "Cada 12 de novembro amence o mesmo día gris, de chuvia miúda"
Por Marisa Ciordia |
-
Un sábado de reparación da memoria histórica na Deputación
Por Diego Espiño |