A 86 quilómetros por hora polas rúas de Vilagarcía
Por Redacción
Polas rúas do casco urbano de Vilagarcía os coches chega a acadar velocidades de 86 quilómetros por hora a pesar de que as sinais indican que o límite está en 50.
Esta é unha das conclusións que se extrae dos primeiros catro días da campaña de control de velocidade posta en marcha o venres no municipio entre a Policía Local e a Dirección General de Tráfico (DGT).
Entre o venres e o luns, a Policía Local fixo controis en varios puntos da rede viaria municipal nos que se controlou a un total de 6.798 vehículos, detectándose 45 infraccións por superar as velocidades máximas establecidas.
O maior número das infraccións captadas pola cámara do radar cometéronse na rúa Valentín Viqueira, en Carril, onde foron denunciados 25 vehículos dos 1.447 controlados. Séguelle a Avenida de Vilanova, en Vilaxoán, onde dos 2.447 coches cuxas velocidades foron medidas polo radar, 15 superaron a velocidade permitida. En ámbalas dúas vías, a velocidade máis elevada captada polo radar ascendeu a 84 quilómetros por hora.
Na avenida Agustín Romero controláronse as velocidades de 664 vehículos e tramitáronse dúas denuncias. Precisamente foi neste punto onde se rexistrou o maior exceso de velocidade ata o momento, ao captar o radar a un coche circulando a 86 quilómetros por hora.
A campaña que leva por lema de 'A velocidade prexudica gravemente a túa saúde' continuará desenvolvéndose ata o 3 de marzo. O radar da DGT rotará pola rede viaria municipal, prestando especial atención ás vías que presentan maiores índices de sinistralidade.