Todos para Terras e Terras para todos
Por Redacción
Os sete concellos de Terras de Pontevedra acordan manter a mancomunidade para seguir a potenciar o turismo comarcal.
O Pleno da Mancomunidade Terras de Pontevedra, presidido polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, aprobou o mércores a memoria das actividades desenvolvidas ao longo de 2012, a liquidación do orzamento e o plan económico-financeiro. Á xuntanza acudiron os alcaldes ou representantes de Marín, Poio, Ponte Caldelas, Vilaboa, Cotobade e Campo Lameiro, xunto coa concelleira de Turismo pontevedresa, Carlota Román.
O orzamento anual de 2012 ascendeu aos 145.000 euros derivados do convenio entre a Secretaría Xeral de Turismo da Xunta e os sete concellos. A liquidación resultou negativa porque o ente autonómico aínda non transferiu os 90.000 euros comprometidos, trámite que se agarda para este mes de marzo, toda vez que o compromiso parece estar recollido nas contas da Xunta para este ano.
Un orzamento de 59.000 euros para este ano 2013
O Pleno acordou manter as achegas dos concellos para completar un orzamento de 59.000 euros para este ano 2013.
Maioritariamente considérase á mancomunidade como un instrumento útil para crear sinerxias e potenciar o destino turístico Terras de Pontevedra como unha oferta global e atractiva de toda a bisbarra. Ao longo deste ano irase definindo unha nova estratexia.