Catro nenos reciben axuda para non asumir como "normal" a violencia sufrida polas súas nais
Por Redacción
Entre os oito e os quince anos. Son as idades que teñen os catro rapaces, pertencentes a tres familias diferentes de Pontevedra, que xa están recibindo axuda por parte do programa municipal de apoio aos fillos e fillas das vítimas de violencia de xénero.
Todos eles están a recibir, por parte dos servizos sociais do Concello, tratamento psicolóxico e soporte emocional para que os rapaces non asuman como "normal" esta violencia.
O programa traballa con eles despois de que estes nenos presenciaran agresións psicolóxicas e físicas ás súas respectivas nais.
O traballo de atención que se lle está a prestar faise de xeito personalizado e alternando tanto sesións individuais como compartidas coa nai.
Os asistentes sociais deste programa recordan que estes nenos, no canto de estar ocupados en xogos, estudos, facer deporte ou gozar dos amigos e da familia, eran testemuñas de episodios de humillación e violencia de xénero e vítimas dun clima de tensión familiar que derrubou o seu mundo afectivo, minou a súa autoestima e a súa capacidade de relacionarse.
Nas sesións individuais trabállase co menor a través do xogo e con dinámicas específicas coa fin de achegarlle estratexias mentais que lle axuden a acadar a estabilidade emocional, a confiar nas relacións afectivas e sociais e a desterrar condutas violentas. Nas sesións coas nais axúdaselles a ter ferramentas para continuar na casa o traballo feito na consulta.
Estes nenos teñen por diante un reto "moi duro", segundo os servizos sociais, xa que desenvolven "emocións contidas" de ansiedade, rabia, dolor ou depresión, sofren illamento e tristeza, teñen sentimentos de culpa, negan a violencia vivida e mesmo asumen o rol de protección dos irmáns e da propia nai.
Ditas situacións poden ser o punto de partida para que os rapaces desenvolvan unha autoestima debilitada, unha conduta de agresividade ou habilidades sociais pobres.
Polo de agora son catro os nenos que participan neste programa de intervención pero "non ten límite de prazas", recorda a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces.
Relacionadas:
-
RADIO.- "Cando un home exerce violencia sobre a súa parella, tamén a está exercendo sobre os seus fillos"
Por Marisa Ciordia |
-
Se es muller... como foi o teu primeiro acoso?
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra pon en marcha un programa de atención a fillos de vítimas da violencia de xénero
Por Redacción |