Deteñen un pontevedrés de 41 anos por sacar a golpes e patadas a súa parella de casa
Por Redacción
A Policía Local de Pontevedra detivo o pasado venres un home de 41 anos por agredir á súa parella, unha muller á que sacou a golpes da vivenda que ambos compartían na cidade de Pontevedra e á que seguiu pegando cando xa estaban na rúa.
Ao chegar ao lugar, os axentes comprobaron que a vítima, unha muller de 43 anos, estaba a ser atendida por varias persoas e presentaba varios golpes na cara e un alto grao de nerviosismo, segundo informou a Policía Local.
A muller explicou que tivera unha forte discusión coa súa parella, durante a cal este lle agrediu dándolle varias puñadas na cara.
Despois de golpeala, segundo o relato da vítima, o home botouna de casa. Tras o seu relato, a muller foi trasladada ao Hospital de Montecelo para ser atendida das lesións sufridas.
A persoa que alertou á Policía Local corroborou a versión da vítima, asegurando que ambos discutiran no interior da vivenda e, posteriormente, o home sacou á súa parella de casa á forza, a patadas e tirándolle do pelo.
Os axentes atoparon o presunto agresor na porta da súa casa e, segundo a Policía Local, recoñeceu ter unha discusión coa súa parella, a quen lle dixo que abandonase o domicilio e como esta negouse tivera que utilizar a forza para obrigala a abandonar a vivenda.
Tras recoñecer os feitos, a Policía Local de Pontevedra procedeu á súa detención como autor dun delito de violencia de xénero.
Durante a instrución das dilixencias, os axentes comprobaron que o detido tiña xa en vigor dúas ordes de afastamento decretadas contra el, unha da súa propia nai e outra contra unha ex parella, esta última de risco alto.
Respecto deste suceso, a Policía Local quere lembrar a importancia da colaboración cidadá para loitar contra este tipo de condutas, ao ser a actitude decidida dunha testemuña a que posibilitou a detención do agresor.
Relacionadas:
-
Unha muller denuncia ameazas e vexacións da súa parella e a Policía encóntrao cun machete de cociña
Por Natalia Puga |
-
Oito meses de orde de afastamento para o detido por sacar a golpes e patadas á súa parella da casa
Por Natalia Puga |
-
Uns cidadáns atrapan a un mozo que estaba a agredir unha muller
Por Oskar Viéitez |
-
Prisión para o mozo detido por provocar un incendio na casa da súa ex moza no Marco
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |