Luis Peiteado e Celia Lorenzo, gañadores do II maratón fotográfico San Martiño de Bueu
Por Redacción
Non foi unha deliberación doada pero a segunda edición do maratón fotográfico San Martiño de Bueu xa ten gañadores. As fotografías presentadas por Luis Peiteado na categoría adulta e Celia Lorenzo na infantil/xuvenil foron elixidas polo xurado como as mellores deste ano.
Un total de 19 persoas enviaron as 55 fotos concursantes -39 correspondentes á categoría adulta e 18 na categoría infantil/xuvenil-. A isto hai que sumar o total de 25 persoas que participaron nos percorridos fotográficos da pasada fin de semana.
No caso de Luis Peiteado, o xurado escolleu a súa fotografía pola posta en valor da XXIII Carreira Pedestre de San Martiño de Bueu e por escoller un momento e encadre atípicos xa que se trata o momento previo á saída da carreira.
O segundo premio na categoría adulta foi para Tania Martínez e o terceiro premio para Esteban Piedras.
No caso dos cativos, o xurado valorou a frescura e espontaneidade da súa mirada, dende o retrato dunha nena co traxe tradicional feito dende a perspectiva de outra nena ao castañeiro en pleno funcionamento ou a divertida composición de follas que voan feita no roteiro infantil.
Xunto con Celia Lorenzo, o segundo e o terceiro premio foron para os irmáns Iago e Julio Pastoriza.
O xurado estivo composto por unha persoa representante do Concello de Bueu e unha de Argo Navis, contando este ano con Raquel Calviño, profesional da fotografía convidada, quen ven de inaugurar a súa exposición "Estar é Ser"no Pazo da Cultura de Pontevedra.
A exposición coas fotos seleccionadas e gañadoras estará ata o 26 de novembro na segunda planta da Praza de Abastos de Bueu, en horario de apertura da praza.