A Audiencia devolve ao xulgado instrutor a causa contra o alcalde de Caldas por malversación
Por Redacción
O procedemento xudicial aberto contra o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, por un delito de malversación de caudais públicos regresou de novo ao Xulgado de Instrución número 1 de Caldas, o mesmo que xa en 2015 decidira a apertura de xuízo oral. Tras unha nova resolución da Audiencia Provincial de Pontevedra, debe regresar ao xulgado instrutor para que repita o seu último auto.
Unha nova resolución xudicial á que tivo acceso PontevedraViva cuestiona o auto de apertura de xuízo oral ditado en maio de 2015 polo Xulgado de Caldas. Recorrérao o propio Juan Manuel Rey por vulneración do dereito á tutela xudicial efectiva e do dereito á presunción de inocencia.
O alcalde e único acusado considerou que a xuíza instrutora de Caldas ditou un documento que carece de motivación suficiente para xustificar a devandita apertura e pediu que esta resolución fora declarada nula. O recurso chegou á Sección Cuarta da Audiencia Provincial, que ditou este novo auto con data 18 de novembro estimando a cuestión previa exposta e declarando a nulidade do auto de apertura de xuízo oral.
A maxistrada considera que o auto de apertura está "incurso en incongruencia interna" e decidiu remitilo ao órgano instrutor para que dite unha nova resolución "que non incorra no vicio indicado". Este auto é firme e contra o mesmo non cabe recurso.
O auto de apertura de xuízo oral reflicte como feitos xusticiables que Juan Manuel Rey mantivo durante o período de tempo que foi alcalde a práctica irregular xa instaurada anteriormente de abonar con cargo ás arcas municipais as multas coercitivas que impoñían á Alcaldía o Xulgado do Contencioso Administrativo número 3 de Pontevedra. Ordenou directamente el mesmo o pago da multa de 1.450 euros o 28 de febreiro de 2007 (feito xa prescrito) e realizou a través dun terceiro o pago doutra multa de 600 euros o 8 de setembro de 2010, ambas as con cargo aos fondos municipais. As multas eran de carácter persoal e o seu pago non corresponden ao Concello, senón á persoa. Posteriormente, devolveu o diñeiro.
Sen entrar a valorar directamente estes feitos, a Audiencia si cuestiona a redacción do auto de apertura de xuízo oral, pois engade que "queda como cuestión controvertida determinar se a actuación do alcalde foi dolosa e se efectivamente existiu ou non pola súa banda control respecto da actuación do alcalde accidental no pago da segunda das multas, cuestións estas que deberán ser dilucidadas no acto do xuízo oral".
Nese aspecto é onde a Audiencia considera que existe a incongruencia, pois, tras indicar que existen indicios de delito de malversación de caudais públicos, a continuación indica que a cuestión controvertida é a concorrencia do elemento subxectivo do delito, o cal considera "un auténtico contrasenso".
Relacionadas:
-
Arquivo provisional da causa contra o alcalde de Caldas por malversación
Por Redacción |
-
Juan Manuel Rey, investido alcalde de Caldas, chama ao consenso "entre todos" e a non xudicializar a política
Por Alejandro Espiño |
-
A xuíza rexeita o recurso presentado polo alcalde de Caldas contra a apertura de xuízo oral
Por Oskar Viéitez |
-
Dictan un novo auto de apertura de xuízo oral contra o alcalde de Caldas
Por Redacción |
-
Abren xuízo oral por malversación contra o alcalde de Caldas de Reis
Por Oskar Viéitez |