Atención avós ¡coidado coas persoas de confianza!
Por Redacción
O número de persoas maiores estafadas polas súas persoas de confianza duplicouse nos últimos dous meses, sobre todo na provincia de Pontevedra, onde se concentran o 75% dos casos ocorridos en Galicia debido á concentración de poboación e a que é a provincia onde se localizan os maiores patrimonios.
Desde que empezou o ano os departamentos de Grafoloxía e Tratamento da Violencia do Instituto Europeo Campus Stellae de Santiago trataron numerosos casos en que familiares ou amigos dos anciáns retiraron todo o seu diñeiro das contas bancarias ou venderon as súas propiedades sen o seu consentimento.
As probas grafolóxicas que realizan os peritos resultan determinantes para determinar cando se trata dun acto voluntario ou inconsciente. Nuria Pereira, directora do Instituto e perito grafólogo, considera que se trata dunha "auténtica alarma social" que "condena a moitos anciáns a vivir na miseria nos últimos días da súa vida, xa que a moitos lles saquean ata o diñeiro destinado a pagar as súas residencias ou asilos".
A solución -considera Pereira- pasa por nomear a xestores para a administración do patrimonio naqueles casos en que os anciáns non desexen ou non poidan facerse cargo dos seus bens.
O perfil de estafado e estafador
As persoas estafadas gozan dunha boa posición económica froito de traballar durante toda a súa vida e, no caso de Pontevedra, a gran maioría son mulleres.
Detrás do perfil de estafador atópanse sempre persoas cunha moi boa posición económica e que son de gran confianza da vítima -familiares ou amigos- que a obrigan a asinar documentos en branco e aos que o ancián generalmente nomea titulares das súas contas bancarias.
Os profesionais do Instituto Europeo Campus Stellae identifican tres mecanismos de estafa:
- A firma de documentos en branco que logo son reenchidos a antojo do estafador.
- A firma de documentos selados cunha data pasada.
- A firma de documentos cando a persoa non é consciente ou padece algún trastorno cognitivo.