Unha pontevedresa reclama como seu un piso embargado a Franco Argibay no caso Cormorán
Por Natalia Puga
Unha veciña de Pontevedra chegou á vía xudicial para reclamar como súa unha propiedade que figuraba no Rexistro a nome do avogado pontevedrés Manuel Franco Argibay e que lle foi embargada no marco da operación Cormorán.
A reclamación chegou hoxe, xoves 28 de febreiro, á Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra, a mesma sala que condenou a Franco Argibay a 3 anos e catro meses de prisión por un delito de branqueo de capitais procedentes do narcotráfico.
A sentenza condenatoria da operación Cormorán implica o comiso de todos os bens de Franco Argibay e entre esas propiedades figura un piso na rúa Padre Gaite de Pontevedra que a demandante asegura que é seu e non do acusado.
A muller presentou unha reclamación porque asegura que o avogado puxo ao seu nome un piso que en realidade era dela, de modo que cando os investigadores do caso Cormorán solicitaron un listado de todas as súas propiedades esta vivenda de Padre Gaite figuraba como súa.
Segundo indicaron fontes xudiciais, o citado piso está nestes momentos en mans do Estado, de modo que na vista celebrada na Sección Segunda da Audiencia figuraba como parte demandada a Avogacía do Estado. A muller presentou documentación acreditando a súa titularidade.
O xuízo vai pola vía civil, pero recaeu na Sección Segunda da Audiencia, que está especializada en temas penais, porque foi a que revisou o xuízo penal da operación Cormorán pola que este piso acabou comisado e na arcas gobernamentais.
Fontes xudiciais indicaron que o caso, que quedou visto para sentenza, é moi pouco habitual. Trátase dunha demanda de tercería porque hai unha terceira parte implicada, o Estado, que xa decomisou o piso en cuestión.
As arcas do Estado embolsáronse en novembro os 15 millóns de euros comisados aos implicados na rede de branqueo de capitais procedentes do narcotráfico desarticulada no marco da operación Cormorán liderada polo narcotraficante fuxido da Xustiza José Antonio Pouso Rivas, 'Pelopincho'.
Os bens en cuestión que acaban de ser desbloqueados van dende cantidades de diñeiro en metálico, vehículos de alta gama, inmobles e locais comerciais, obras de arte ou xoias.
Relacionadas:
-
O xuízo no que Franco Argibay volveu á Audiencia... como avogado
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Levantan o embargo a un piso requisado a Franco Argibay e devólveno á súa dona lexítima
Por Natalia Puga |
-
O Estado embolsa os 15 millóns comisados na operación Cormorán
Por Redacción |
-
O Supremo corta as ansias de liberdade do avogado Franco Argibay
Por Natalia Puga |