Andrés Díaz afirma que a Xunta inviste 50 veces máis en Cotobade que en Ponte Caldelas
Por Redacción
O Pleno do Concello de Ponte Caldelas aprobou unha moción do goberno local na que se expresa ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, o malestar pola que os concelleiros do equipo de goberno entenden que é unha discriminación por parte da administración autonómica coa vila. Neste sentido, apuntan que as consellerías de Presidencia, Infraestruturas, Medio Rural, Educación e Benestar Social asinan convenios interadministrativos discrecionales ou financian obras só en concellos gobernados polo Partido Popular.
Segundo os datos que manexa o grupo de goberno, en Ponte Caldelas investíronse 14 euros por habitante durante o mandato do socialista Andrés Díaz á fronte do Concello mentres que en Cotobade investíronse 732 euros por habitante, 50 veces máis. Na Lama, segundo denuncian, investiuse 20 veces máis, 302 euros por habitante.
A moción tamén se dirixe á Deputación provincial para que tente compensar con plans provinciais dedicados aos concellos de menos de 20.000 habitantes os desequilibrios que, segundo afirman, está a sufrir o Concello de Ponte Caldelas por parte da Xunta de Galicia.
As tres forzas que constitúen o goberno, PSdeG-PSOE, AVP e BNG coinciden en sinalar que ante a actitude "clientelar" da Xunta de Galicia, a Deputación ten que xogar un papel para igualar a situación.
Un dos puntos máis destacados da moción fai referencia ao cambio de criterio experimentado na Consellería de Infraestruturas durante a campaña electoral autonómica para anunciar que as obras da estrada PO-234 só íanse a executar no tramo correspondente ao municipio de Cotobade e non ao de Ponte Caldelas, como estaba incialmente previsto.
Tamén destacan que a Consellería de Educación negouse a acometer as obras do comedor escolar no colexio da Reigosa, despois de pedirlle ao Concello a redacción do proxecto técnico. Ademais fan referencia a que a Consellería de Benestar non abriu o Centro de Día para maiores na Casa dá Quintán.
RESPOSTA DO PP
Ante a moción presentada polo tripartito, a portavoz do PP, Inés Sánchez, lembrou todos os investimentos que leva feito a Xunta de Galicia no último ano e medio: case 300.000 euros no Punto Limpo da Reigosa; 50.000 euros do Plan MARCO da Consellería do Medio Rural; mais de 50.000 euros para políticas de eficiencia enerxética; ou os 6.000 euros da Consellería de Educación para obras nos colexios do municipio.
A elas sumar ás que recoñecía o propio tripartito na súa moción, os 33.000 euros dos parques infantís de Xustáns e Ponte Caldelas, a subvención de 35.000 euros coa que se construíu a pista de minigolf, os 15.000 euros para obras na escola infantil de Ponte Caldelas ou os 100.000 euros nos que cifran os populares o aforro do Concello co traspaso da EDAR de Ponte Caldelas á Xunta.
"Todo isto demostra que a Xunta de Galicia non discrimina ao Concello de Ponte Caldelas, senón que a Xunta invirte en Ponte Caldelas a pesar do desastroso goberno que existe no municipio, un goberno que non concorre ás liñas de axuda da Xunta e cando concorre faino mal perdendo o investimento", explicou a portavoz popular.
Relacionadas:
-
Oito anos de abandono do "edificio pantasma" da Casa da Quintán
Por Redacción |
-
Os populares de Ponte Caldelas esixen ao alcalde que consiga os terreos para a PO-234
Por Redacción |
-
Andrés Díaz expresa o seu enfado e "decepción" a Ethel Vázquez pola reforma da PO-234
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello de Ponte Caldelas pide que a Xunta autorice "dunha vez" a apertura do punto limpo
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas invita á conselleira de Infraestruturas a "percorrer o perigoso trazado da PO-234"
Por Redacción |
-
Dous quilómetros de coches para pedir o arranxo integral da PO-234
Por Redacción |