Dous feridos en sendos atropelos en rúas do centro de Marín e Vilagarcía
Por Redacción
Dúas persoas resultaron feridas ao longo da xornada de hoxe xoves tras sufrir senllos atropelos rexistrados en rúas do centro de Marín e Vilagarcía.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, o primeiro dos accidentes produciuse ás 12.49 horas na rúa Doutor Tourón de Vilagarcía.
Unha persoa resultou atropelada á altura do número 52 de Doutor Tourón. Un particular alertou o 112 e desprazouse ao lugar á Policía Local, unha ambulancia do 061 e o Servizo de Emerxencias de Vilagarcía.
O segundo accidente produciuse, segundo o 112, ás 15.25 horas na avenida de Ourense de Marín. Unha persoa resultou ferida nun atropelo e tivo que ser trasladada ao hospital Montecelo.
Ao lugar acudiron a Policía Local e Protección Civil de Marín e unha ambulancia do 061 que, tras unha asistencia inicial do ferido no lugar dos feitos, procedeu ao seu desprazamento ao hospital.