A Asociación Juan XXIII amósase en imaxes na Casa da Luz
Por Redacción
A asociación Xoán XXIII únese á conmemoración do Día Internacional da Discapacidade que terá lugar o 3 de decembro, a través da inauguración dunha exposición fotográfica sobre a traxectoria deste colectivo que se dedica a atender ás persoas que padecen discapacidade intelectual.
A mostra reúne unha colección de 25 imaxes, realizadas pola fotógrafa Lorena Oliver Navarro, nas que se representan os distintos centros, servizos, actividades e apoios da asociación Xoán XXIII na que os verdadeiros protagonistas son as propias persoas con discapacidade e que expresan en primeira persoa os seus desexos por sentirse plenamente incluídos na comunidade.
A exposición inaugúrase na Casa da Luz o venres 2, ás 18.00 horas, e permanecerá aberta ata o 5 de decembro. Á inauguración está previsto que asista a concelleira de Igualdade e Servizos Sociais, Carmen Fouces.