Mozos de Educación Especial de Príncipe Felipe crean un xardín no composteiro de Barro
Por Redacción
O centro de compostaxe comunitario que a Deputación instalou en Barro, dentro do seu Plan Revitaliza, conta desde este venres cun fermoso xardín ao seu arredor.
Nove mozos do programa formativo de xardinería e viveirismo do Centro de Educación Especial de Príncipe Felipe, estiveron traballando durante un mes para acondicionar o contorno do composteiro. Estes, ademais, plantaron unha maceira e varias campánulas co primeiro compost obtido do lixo orgánico aportado polos veciños da zona.
A deputada Eva Vilaverde subliñou que a plantación da maceira e das plantas con flor é un acto simbólico que demostra que é posible outra maneira de facer as cousas.
"Demostramos como se pode pechar o círculo e aproveitar os residuos para devolverlle á terra o que nos dou: podemos darlle un uso ao lixo, xa que este é útil como fertilizante da terra e desa terra sairán froitos", explicou.
Os rapaces do centro de Educación Especial recibiron uns diplomas do Concello de Barro polo seu traballo de axardinamento da parcela municipal da man do alcalde Xosé Manuel Fernández Abraldes e o tenente de alcalde José Sanmartín.
Un grupo de alumnos de sexto de Primaria do colexio Amor Ruibal, que está a traballar nun proxecto sobre compostaxe, tamén asistiu ao acto, no que o mestre composteiro da Deputación, Quique Pintos, explicou varias cuestións básicas sobre o funcionamento deste sistema de aproveitamento dos residuos orgánicos.
O vindeiro 4 de xaneiro o Concello de Barro celebrará tamén unha festa da reciclaxe, na que se poderá repartir o primeiro compost do composteiro aos veciños participantes na iniciativa do Plan Revitaliza.
Relacionadas:
-
Barro dotará dun novo acceso peonil ao recinto escolar
Por Redacción |
-
Barro xa produce o seu propio compost
Por Redacción |
-
Xa te podes inscribir para ser mestre composteiro
Por Oskar Viéitez |
-
Barro acolle unhas xornadas de reciclaxe
Por Redacción |
-
Barro ampliará o composteiro comunitario pola boa acollida que tivo entre a veciñanza
Por Redacción |
-
San Antoniño súmase ao Plan de Compostaxe
Por Redacción |