Avanzan a bo ritmo as obras da nova área recreativa de Caroi
Por Redacción
O presidente da xestora do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e o concelleiro Fernando Vázquez visitaron este mércores ás obras de construción da nova área reacreativa de Caroi, que quedará rematada nas vindeiras semanas.
Esta actuación, que conta cun orzamento duns 40.000 euros, estase a realizar na contorna da Casa das Nenas, que xa foi rehabilitada polo Concello no ano 2013, co obxectivo de crear un gran espazo social e veciñal nesta parroquia.
A construción da nova área recreativa conta con xogos para os máis cativos e outras pezas e elementos para a realización de exercicios e prácticas biosaudables co propósito de que poida beneficiar a toda a veciñanza.
Trátase dunha demanda veciñal xa que xeralmente acuden a este espazo uns 25 nenos todas as fins de semana. A actuación sacouse a licitación entre sete empresas do municipio.