A universidade quere facer visible o acoso sexual
Por Redacción
Obter unha radiografía da realidade do acoso sexual, por razón de sexo e orientación sexual na Universidade de Vigo co obxectivo último de previr e erradicar estes comportamentos na institución académica. Con estes obxectivos está a desenvolverse un estudo pioneiro que, entre outras cuestións, aborda a realización dunha enquisa a máis de 2.000 membros dos diferentes colectivos que conforman a comunidade universitaria, tanto alumnado como persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos.
"O acoso é unha realidade á que non podemos vivir de costas. Isto existe. Polo tanto, hai que traballar para previlo e para combatelo coas estratexias máis eficaces posibles", destaca a investigadora María Lameiras da Unidade de Igualdade do Grupo de Investigación en Sexualidade, Xénero e Saúde.
Segundo explica Anabel G. Penín, directora da Unidade de Igualdade, no ámbito universitario "reprodúcense os mesmos comportamentos que no resto da sociedade, non somos lugares illados, impermeables ás situacións de acoso e violencia", polo que destaca a pertinencia de levar a cabo esta iniciativa.
O cuestionario é anónimo e confidencial, non hai respostas correctas e incorrectas, o que interesa é que manifesten o que pensan sobre este tema.
Na enquisa pregúntase aos participantes se algunha vez sufriron na universidade acoso sexual (que inclúe calquera comportamento, verbal ou físico, de natureza sexual que teña o propósito ou produza o efecto de atentar contra a dignidade dunha persoa, en particular cando se crea unha contorna intimidatoria, degradante e/ou ofensiva).
"Ímonos a atopar un número maior de casos do que nos gustaría recoñecer"
Tamén se sufriro acoso por razón de sexo (que inclúe calquera comportamento realizado, de forma continua e sistemática, en función do sexo dunha persoa por ser muller ou pertencer a outros colectivos chamados sexuais minoritarios, como homosexuais, lesbianas, transexuais ou transxénero, que teña o propósito ou produza o efecto de atentar contra a dignidade dunha persoa, en particular cando se crea unha contorna intimidatoria, degradante e/ou ofensiva) ou agresión sexual (considérase como tal comportamentos que, mediante violencia ou intimidación na súa realización e sen que exista un previo consentimento da vítima, atentan contra a liberdade sexual desta).
Na batería de preguntas teñen que responder a cuestións diversas, desde se os tocaron algunha vez de forma non desexada ata se foron tratados de forma negativa por non ser "o suficientemente masculino" ou "o suficientemente feminina".
Sobre os resultados, María Lameiras apunta que "non sabemos o que nos vamos a atopar. O que si sabemos, tendo en conta as cifras que se manexan sobre acoso sexual en xeral, é que ímonos a atopar un número maior de casos do que nos gustaría recoñecer".