O campus de Pontevedra está pendente do ministro Méndez de Vigo
Por Redacción
As reválidas ou o futuro da Lomce, teñen á comunidade educativa pendente do ministro de Educación, Íñigo Méndez de Vigo. Tamén o campus de Pontevedra está expectante á espera de que este Ministerio aprobe a súa nova titulación.
O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, presidiu este martes unha sesión ordinaria do Consello do Campus de Pontevedra que se celebrou na Casa das Campás e na que se abordaron os avances no desenvolvemento do proxecto de especialización CREA S2i xunto coas novas actuacións que se están desenvolvendo no marco do Green Campus.
Na que foi a última reunión deste órgano neste ano, Salustiano Mato destacou que o pasado mes de novembro foi aprobado polo Consello Galego de Universidades o programa de doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sustentable, o que supón un paso máis cara á súa posta en marcha como novo título para o próximo curso.
A memoria deste novo título recibira previamente a avaliación positiva tanto deste órgano como do Consello de Goberno da Universidade. Agora está pendente da resolución do ministerio.
O vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, destacou "como un fito moi relevante para o campus" esta especialización na que está previsto que participen máis dun centenar de investigadores e que ofertará un total de 20 prazas.
A profesora Ana Belén Fernández Souto coordinará esta titulación que estará centrada en proxectos innovadores nos campos da saúde, o deseño, a comunicación, os recursos naturais, a gobernanza e a docencia.
Mato espera establecer contactos internacionais da man deste proxecto de especialización "para fortalecer a súa relación con universidades punteiras e recoñecidas internacionalmente".
Por outra banda, o reitor tamén abordou a futura instalación da sede do CREA S2i no edificio administrativo da Xunta na rúa Benito Corbal, para o que en 2017 traballarase no "plan de necesidades e usos" das plantas que a institución autonómica cederá á Universidade unha vez completada a rehabilitación do inmoble.
96% DE MATRÍCULA
O reitor mostrou a súa satisfacción respecto ao campus de Pontevedra en canto ao "éxito das súas taxas de matrícula, que están no 96%", sinalando que no presente curso todos os graos cubriron as súas prazas de novo ingreso, coa excepción do que se imparte na Escola de Enxeñería Forestal, "que a pesar de que é a única que non chega, por pouco aos 45 alumnos, móstrase como un referente para a industria forestal de Galicia", e que en xullo se converteu no primeiro centro do campus en obter o selo Q de Calidade, tras obter previamente a certificación á implantación dos seus sistema de garantía interna de calidade.
CAMPUS SUSTENTABLE
O vicerreitor fixo balance das diferentes actividades culturais desenvolvidas nos últimos meses, informou sobre as obras acometidas para mellorar a accesibilidade e presentou un informe sobre a implantación do plan de acción do proxecto Green Campus aprobado para o presente curso.
Relacionadas:
-
Reordenan o aparcamento no campus con vistas a peonalizar a parte central
Por Alejandro Espiño |
-
Bidóns, cubos, botellas... e xa temos batukada
Por Redacción |
-
Uns 600 alumnos de Secundaria maniféstanse en Pontevedra contra a LOMCE
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Apoio ao programa de doutoramento do Campus CREA S2i
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación e a Universidade de Vigo abordan a creación dun observatorio de turismo
Por Oskar Viéitez |
-
A Universidade de Vigo e a Deputación asinan o primeiro protocolo de colaboración institucional
Por Oskar Viéitez |
-
O campus de Pontevedra terá un clúster e un novo programa de doutoramento
Por Redacción |