As praias de Raxó e Agrelo, consideradas non aptas para o baño
Por Redacción
A clasificación sanitaria anual das zonas de baño de Galicia realizada pola Consellería de Sanidade deixa esta tempada 2016 unha mala noticia para a comarca de Pontevedra. En toda a provincia tan só se detectaron catro praias con calidade de auga insuficiente e dúas delas están en Poio e Bueu.
Trátase do resultado das mostraxes levadas ao cabo ao longo de todo 2016 e será a clasificación vixente para a tempada 2017, o que implica un balance negativo paras praias de Agrelo, en Bueu, e Raxó, en Poio. Tamén é insuficiente a calidade da auga nas praias de Foz de Vigo e Arealonga de Redondela.
O resto das praias pontevedresas teñen a cualificación de suficiente, boa ou excelente. É o caso da única sobre a que se realizan análises no término municipal de Pontevedra, a fluvial de Ponte Sampaio, considerada pola Dirección Xeral de Saúde Pública como excelente.
Destacan casos como o Concello de O Grove, que pecha o 2016 coas súas 21 praias de baño cualificadas como excelentes. Outro dos municipios máis turísticos da zona Sanxenxo, ten tres praias coa cualificación de boas e o resto son excelentes.
A raíz deste informe que acaba de facer público a Consellería de Sanidade, o voceiro do Partido Popular de Poio, Ángel Moldes, acusou ao goberno local de "prexudicar gravemente aos veciños de Raxó e de todo Poio", pois este resultado implica que durante todo 2017 as autoridades deben advertir aos usuarios que as augas non son aptas para o baño.
Para Ángel Moldes, esta cualificación, "por desgraza, é un mazazo para a parroquia e para todo o Concello" e é o resultado de anos de inacción por parte do goberno municipal: "Primeiro foi o marisqueo, logo peches puntuais de praias, agora xa temos unha praia non apta para o baño durante todo o 2017... ¿Qué será o seguinte?", pregúntase.