Portos mellorará as condicións de traballo das redeiras de Portonovo
Por Redacción
A Consellería do Mar, a través do ente público Portos de Galicia, executará obras de mellora das condicións de traballo das redeiras que traballan no peirao de Portonovo, no municipio pontevedrés de Sanxenxo.
O presidente do ente público, José Juan Durán Hermida, visitou este luns a zona na que nos próximos días comezarán os traballos en execución.
En concreto, os traballos consistirán na reparación da cuberta da nave de redes e os departamentos. Con esta actuación eliminaranse as entradas de auga de choiva en ambas dependencias que presentaban problemas de filtracións. Así, co obxecto de dar unha solución máis perdurable substituiranse as placas que formaban a cuberta por un sistema modular de policarbonato, especificamente deseñado para garantir a estanquidade.
Por outra banda, con estas obras darase resposta tamén á demanda dos usuarios dos departamentos que viñan solicitando unha solución para as filtracións de auga de choiva que sofren na zona de contacto co espaldón do dique. Nesta edificación aplicarase un impermeabilizante e repararase a porta de acceso.
O importe total da actuación será de preto de 18.000 euros.