Os Reis tampouco faltarán na súa cita con Bueu
Por Redacción
Os nenos do Concello de Bueu tamén terán a oportunidade este mércores de atoparse cos Reis Magos. Ás 12.00 horas da mañá estarán na Sala de Exposicións Amalia Domínguez Búa, onde recibirán a aqueles que queiran levarlles as súas cartas ou facerlles directamente os pedidos. Xa pola tarde, ás 18.00 horas, subiranse ás carrozas reais para iniciar a tradicional cabalgata.
As Súas Maxestades percorrerán as rúas do casco urbano para saudar á veciñanza e agasallar aos máis pequenos con caramelos. O desfile arrincará da zona de Pescadoira, percorrerá toda a rúa Montero Ríos ata Francisco Escáneo, seguirá por Pazos Fontenla ata Castelao para enfilar Eduardo Vincenti en dirección ao Concello.
Xa desde o balcón do Concello, as Súas Maxestades pronunciarán o tradicional discurso de saúdo aos veciños de Bueu. A xornada rematará cun espectáculo de pirotécnica na praza Massó.
A festa non rematará este xoves 5 de xaneiro, senón que a Asociación Cultural dos Santos Reis organiza o 6 de xaneiro a tradicional Romaría de Reis, que comezará ás 11.00 horas cunha actuación do grupo de gaitas Os Liboreiros acompañando ao grupo de baile 'Os pais de San Roque'. Xa ás 12.30 celebrarase a misa con posterior procesión arredor da capela, e ao remate, tomarase a 'parva' amenizada con música e baile.