Melchor, Gaspar e Baltasar percorren a cidade antes da noite máis ilusionante
Por Redacción
Milleiros de persoas seguiron a cabalgata de Reis Magos polas rúas de Pontevedra durante este xoves. A comitiva partía ás 18.00 horas das rúas José Malvar e Loureiro Crespo para trasladarse a continuación por Benito Corbal, a praza da Peregrina, Michelena, praza de España e finalizar na Alameda, onde Melchor, Gaspar e Baltasar baixaron das súas carrozas para, a través do coche oficial, achegarse ata as escalinatas de San Francisco onde realizaron a tradicional ofrenda no pesebre con incenso, ouro e mirra.
Na cabalgata participaron as charangas Airiños de San Martiño e Charandonga, ademais dos grupos folclóricos Xoldra e Os Alegres. Tamén desfilaba un camión escaleira de Bombeiros para portar a "Estrela de Oriente", que guía ás súas Maxestades durante o percorrido. Un grupo de pastores, e outros de cabalería con camelos e carboeiros animaron esta multitudinaria cita cos máis pequenos.
Durante o transcurso, o público puido ver as carrozas de Mortadelo e Filemón, o tolleito de Notre Dame, a Carroza Heraldo e Trompetas, patrocinada por Avícola de Galicia; ademais das tres carrozas dos Reis nas que viaxaban Melchor, Gaspar e Baltasar saudando animados a todo o público.
Tamén participaron as compañías de animación: Pablo Méndez Perfomance cos seus espectáculos "Ollos e robots", "Medusas e caballito de mar" e "Bonecos dundús". A compañía Rivel Animación ofrecía mostras con "Sons de Barrio Sésamo", "Malabaristas para os Reis" e "Lubrigante feliz e mariscada de Reis". Por último, a compañía Art-Monium trouxo a Pontevedra "Músicos e cabezudos con bailarina", "O bosque animado" e "Anxos carameleiros".
Durante a noite, os paxes e os Reis farán o percorrido por todas as casas para levar os agasallos que grandes e pequenos pediron por carta.
Relacionadas:
-
RADIO.- Uns Reis Magos con gustos musicais setenteiros
Por Marisa Ciordia |
-
VÍDEO.- A cabalgata de Pontevedra en dous minutos
Por Redacción |
-
E a ti, que agasallo che trouxeron?
Por Redacción |
-
Xa están aquí os Reis Magos!
Por Oskar Viéitez |
-
Os Reis Magos comezan a súa longa xornada en PontevedraViva
Por Redacción |