As emendas do BNG ao orzamento da Xunta suman doce millóns de euros
Por Alejandro Espiño
O orzamento da Xunta para 2017, aínda pendente de aprobación, é para o BNG "moi prexudicial" para a comarca de Pontevedra, xa que "non se centran" nos problemas dos veciños. Así o destacaron en rolda de prensa tanto o vicerresponsable comarcal dos nacionalistas, Manu Lourenzo, como o deputado por Pontevedra, Luís Bará.
Así, o BNG presentará emendas a estas contas autonómicas que ascenden a 12,1 millóns de euros. De ser aprobadas polo goberno galego, supoñería case duplicar os 13 millóns recollidos inicialmente e, segundo Bará, permitirían dar solución a "grandes eivas" de Pontevedra e achegar unha cantidade de diñeiro "importante" para dinamizar a comarca.
Os nacionalistas reclaman, entre outras cuestións, elevar a 6 millóns de euros o diñeiro para a ampliación de Montecelo, fronte ao millón que incluíu a Xunta, de forma que se poida redactar o Plan Director e empezar a "compensar" o tempo perdido con Monte Carrasco; ou sumar un millón máis -ata un total de dous- para o saneamento da ría.
Luís Bará explicou que outro millón de euros deberían destinarse a avanzar na tramitación da variante de Alba e á "necesaria" reforma das estradas de titularidade autonómica que unen a capital como Sanxenxo, Marín e Vilagarcía.
As principais emendas presentadas polo BNG inclúen tamén 1,2 millóns de euros para a mellora de varios portos comarcais como os de Arcade, Campelo, Raxó e Covelo; 500.000 euros para o proxectado parque empresarial de Fragamoreira (Poio) ou importantes cantidades para obras en diferentes colexios da comarca.
Todas estas emendas, destacou o deputado do BNG, son "realistas, prudentes e razoadas" e teñen en conta o estado de tramitación e execución dos proxectos aos que se refiren, porque "non ten sentido" incluír partidas para obras e actuacións que, polos prazos administrativos que marca a lei, non se poderían iniciar en 2017.
Con elas esperan compensar un orzamento "claramente insuficiente" para Pontevedra e no que os nacionalistas aprecian "grandes ausencias" en temas "capitais" para a comarca.
Relacionadas:
-
Moreira defende o orzamento da Xunta: "Son excepcionales. El PP no vende humo"
Por Alejandro Espiño |
-
Lores pide unha reunión "urxente" a Feijóo tras un orzamento "decepcionante" para Pontevedra
Por Alejandro Espiño & Anxo Lourido |
-
O edificio xudicial da Parda, principal investimento para Pontevedra da Xunta
Por Redacción |