O novo centro loxístico de Froiz que dará traballo a máis de 500 persoas estará listo en tres anos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Magín Froiz, director xerente e propietario de Distribucións Froiz, avanzou que o novo centro loxístico da súa cadea de supermercados estará construído no polígono de Barro-Meis en menos de tres anos. Alí traballarán entre 500 e 600 persoas cando o proxecto estea concluído.
Froiz adiantou os seus plans empresariais para os 72.675 metros cadrados adquiridos en Barro-Meis nunha rolda de prensa acompañado da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o deputado, David Regades e o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes.
O empresario xa ten sobre a mesa do seu despacho os primeiros pasos para construír a súa gran nave de distribución e o centro loxístico no polígono industrial de Barro-Meis. O proxecto é tan ambicioso que durante a súa comparecencia Magín Froiz mostrou o seu interese por adquirir outra parcela máis duns nove mil metros cadrados para completar o deseño, que inclúe, entre outros servizos un tren de lavado de camións, naves adxacentes de reciclaxe de cartón e plástico así como unha gardería e un comedor para os seus traballadores.
Novas contratacións pero tamén recolocación do persoal doutros centros de traballo
O máis de medio milleiro de empregados que necesita o Grupo Froiz para Barro Meis procederá de novas contratacións pero tamén da recolocación do persoal doutros centros de traballo. Así, o actual centro loxístico do grupo en Lourido será un Cash and Carry, eliminando o servizo que agora se presta na Barca. Tamén se manterá a nave de Moldes no Marco, especializada en franquicias.
Carmela Silva encomiou o labor empresarial do Grupo Distribucións Froiz, con máis de cinco mil traballadores, e puxo ao seu propietario como exemplo de "bo facer" pola súa "responsabilidade social corporativa" como "persoa comprometida co tempo, o espazo e a sociedade na que vive" e citou o "carácter ecolóxico" co que se deseñou o novo centro loxístico reciclando os seus materiais, lavando a frota con augas pluviais e instalando placas solares.
Pola súa banda o alcalde de Barro, o nacionalista Xosé Manuel Fernández Abraldes, quixo acordarse tamén do anterior goberno municipal, o que fixo posible a construción deste espazo industrial e agradeceu o traballo dos técnicos do concello que se envorcaron co proxecto co fin de acelerar o máximo posible os trámites, o máis recente, a cesión a Froiz do uso dos viarios perimetrales do solar adquirido.
Abraldes vaticinou que o Grupo Froiz será un motor dinamizador do polígono e desvelou que ata sete empresas xa se puxeron en contacto para iniciar os trámites para un posible traslado aos terreos lindeiros ao de Froiz. Tamén Carmela Silva apuntou que nos próximos días asinarase a venda doutra parcela para a construción dunha estación de servizo Low Cost.
INCENTIVAR A VENDA DE PARCELAS
A Deputación de Pontevedra vai incentivar a venda de parcelas no polígono de Barro dando unha maior visibilidade e información sobre os terreos que aínda están dispoñibles para a instalación de empresas, ademais de realizar un amaño xeral dos solares coa eliminación da maleza, segundo anunciou Carmela Silva.
A presidenta provincial lembrou que neste momento están vendidas un total de 26 parcelas que suman case que 98.000 metros cadrados. Desde o pasado día 4 de xaneiro puxéronse á venda ou cesión de dereitos as 48 parcelas restantes que suman 157.263 metros cadrados.
Por outra banda, a presidenta da Deputación tamén subliñou que as infraestruturas de servizos están na súa fase final de construción e que se espera que estean dispoñibles a finais do verán. Trátase da depuradora de augas residuais ten un orzamento de 850.000 euros e a subestación eléctrica para o abastecemento do polígono, cun custo de 2,4 millóns de euros.
Relacionadas:
-
Froiz inicia as obras de peche da parcela do seu futuro centro loxístico
Por Redacción |
-
Froiz e outras seis empresas compran máis parcelas en Barro-Meis
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
As parcelas do polígono de Barro-Meis, á venda durante un ano
Por Redacción |
-
Chegan cinco novas empresas ao viveiro do polígono de Barro-Meis
Por Oskar Viéitez |
-
Oito novas empresas instalaranse no viveiro de Barro-Meis
Por Redacción |
-
O PSOE acusa a Javier Domínguez e Ángel Moldes de provocar que Froiz non constrúa en Fragamoreira
Por Redacción |
-
Xa podes mercar algunha das 48 parcelas dispoñibles no polígono de Barro-Meis
Por Redacción |
-
Froiz espera abrir o seu novo centro loxístico en "dous ou tres anos"
Por Redacción |
-
Os terreos de Froiz no polígono de Barro-Meis serán traballados por usuarios do Juan XXIII
Por Redacción |