Visita a cegas pola cidade de Pontevedra
Por
Autoridades e 44 afiliados á ONCE poñerán a proba este mércores as habilidades dos alumnos do Ciclo Superior de Guías de Turismo do centro Carlos Oroza durante unha iniciativa de dúas horas de percorrido accesible por Pontevedra.
A partir das 11.00 horas 24 alumnos do Carlos Oroza serán avaliados sobre a formación previa que recibiron en acompañamento e material adaptado para persoas cegas ou con discapacidade visual grave probando se son capaces de encabezar unha visita guiada pola cidade de Pontevedra.
Os invitados videntes farán o percorrido provistos de antefaces ou lentes de simulación de diversas patoloxías visuais e facilitadoras da autonomía persoal. Entre as persoas que tomarán parte nesta experiencia encóntranse os concelleiros de Turismo e de Mobilidade, Carlota Román e Luis Bará, ademais de responsables e técnicos de Turismo Rías Baixas, da Deputación Provincial e da Secretaría Xeral de Turismo de la Xunta.
A visita comezará na praza da Peregrina e finalizará dúas horas máis tarde na Ferrería tras percorrer e tido explicado, entre outros, o Camiño Portugués, o santuario da Peregrina, as ruínas de Santo Domingo, a basílica de Santa María, as prazas do Pan e o Teucro, a rúa Real, e as prazas de Méndez Núñez e A Leña.
Os alumnos farán uso durante o percorrido e nas súas explicacións de diverso material en braille e de reproducións en relevo, que deseñaron e puxeron a punto grazas á colaboración do Centro de Recursos Educativos (CRE) da ONCE. Usarán adaptacións, por exemplo, do escudo de Pontevedra, dunha cuncha de vieira, unha caricatura de Castelao e das plantas da basílica de Santa María e das ruínas de Santo Domingo.
Ademais, na visita á cidade haberá tamén algunhas sorpresas sensoriais: olores específicos dalgúns lugares, sabores (praza da Leña), recoñecemento de láminas e obxectos co tacto e músicas e lecturas típicas coa historia de cada lugar.
Para completar a actividade, denominada PONTE ONCE, ás 14.00 horas, alumnos de Cociña, Pastelaría e Servizos servirán un xantar adaptado no restaurante do Carlos Oroza. Ofrecerán aos participantes un xantar accesible, unha comida cuxa degustación non entrañe dificultade ningunha para as persoas cegas.
Relacionadas:
-
Unha 'Comida ás cegas' para poder saborear o mundo dun invidente
Por Elsa Juliá Sánchez & Cristina Saiz |
-
A Once non só reparte premios, en Pontevedra tamén os gaña
Por Redacción |
-
Unha gala hollywoodense para os alumnos do Carlos Oroza
Por Redacción |
-
Pontevedra: unha experiencia sensorial máis alá da vista
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |