Costas unirá Pontevedra e Os Praceres no primeiro treito do paseo peonil a Marín
Por Alejandro Espiño
O paseo peonil a Marín xa é unha realidade. Polo menos, sobre o papel. Costas remitiu ao Concello o proxecto do primeiro tramo desta infraestrutura. Son uns dous quilómetros de trazado entre Mollabao e a pasarela dos Praceres, nos que o Estado investirá 2,6 millóns de euros. O goberno municipal espera que a súa construción estea terminada a mediados de 2018.
"É moi boa noticia porque avanzamos no proxecto", destacou o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, que explicou que este primeiro tramo dará continuidade, por unha banda, ao paseo que parte de Pontevedra e, por outro, á pasarela peonil que se inicia nos Praceres e que utilizan habitualmente as mariscadoras.
O tramo inicial, que parte de Mollabao, terá o mesmo aspecto estético que o actual paseo pola avenida de Marín.
Será construído con aluminio recuberto de PVC e imitando a madeira e o pavimento será de formigón. Ocupará un dos carrís de circulación en dirección a Marín, que será suprimido, ata o ramal de ligazón coa PO-11. Terá unha anchura de 4,5 metros e dispoñerá de senda peonil e carril bici.
Ademais, reforzarase a glorieta de Mollabao reconverténdoa nunha rotonda "axeitada" para mellorar a mobilidade neste acceso a Pontevedra. Mosquera avanzou que tamén se renovará a iluminación en todo este ámbito e arrombaranse os espazos libres converténdoos en zonas verdes e xardíns.
A partir deste punto, o paseo continuará polos terreos anexos ao mar da antiga estrada ata conectar coa actual pasarela das mariscadoras nos Praceres.
Son 800 metros nos que se habilitará unha pasarela peonil de 2,5 metros de anchura. Será construída con materiais metálicos e apoiaríase sobre pilotes fincados no leito mariño. Nela, deberán convivir peóns e ciclistas no mesmo espazo.
Nesta zona, polas características da vía, non se poden suprimir carrís de circulación, polo que Costas aposta por asentala sobre pilotes. Será, segundo Mosquera, unha solución temporal ata que se poida executar o segundo tramo deste paseo, que chegará a Marín pasando por Lourizán e polos accesos ao porto.